A Xunta avanza na estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 coas achegas do Consello Económico e Social de Galicia

2021-09-10
  • Despois dun proceso participativo con máis de 600 propostas, continúa o proceso colaborativo para identificar as tendencias, desafíos, oportunidades, nichos de prioridade e obxectivos preliminares sobre os que pivotará a nova estratexia
  • O obxectivo é acadar o maior grao de implicación do tecido empresarial, centros de coñecemento, Administración e sociedade civil para marcar o modelo económico, industrial e social de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nunha sesión da Comisión sectorial nº 1 do Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) para presentar os avances realizados no proceso de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 e contrastar cos membros deste órgano consultivo os resultados do traballo realizado ata a data para seguir avanzando así na definición da iniciativa.

Este encontro ten lugar despois de meses traballando no deseño conxunto da estratexia que permitirá a Galicia optar aos investimentos de Europa e establecer as prioridades da Comunidade en I+D+i para os próximos anos. A visión de consenso obtida no proceso de durante este proceso marcará a folla de ruta do modelo económico, industrial e social de Galicia. De aí a necesidade de contrastar esta visión cos membros do CES, para coñecer en que medida a RIS3 está aliñada cos grandes desafíos na vindeira década.

A través dun proceso participativo con máis de 600 propostas, identificáronse as tendencias, desafíos, oportunidades, nichos de prioridade e obxectivos preliminares sobre os que pivotará a nova estratexia, uns resultados sobre os que se debateu no encontro cos membros do CES-Galicia, que durante os próximos días poderán enviar novas achegas e suxestións, reforzando así a colaboración da sociedade no co-deseño da iniciativa.

Visión compartida

O proceso de elaboración da RIS3 Galicia 2021-2027 está sustentado nunha visión compartida do potencial de Galicia en innovación. O obxectivo é acadar o maior grao de implicación de todos os axentes: tecido empresarial, centros de coñecemento, Administración e sociedade civil.

A Xunta conta co apoio de órganos consultivos e de expertos nacionais e internacionais que, coas súas achegas, permiten reflexionar sobre os primeiros resultados obtidos das reunións cos axentes e iniciativas recomendacións de mellora. A reunión co CES-Galicia foi o primeiro dos encontros previstos, aos que seguirán reunións co Grupo de Expertos e co Consello Asesor Internacional RIS3 Galicia.

RIS3 2021-2027

A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 é a evolución da Estratexia iniciada en 2014-2020 e configúrase como unha gran estratexia de territorio para abordar os grandes retos de Galicia desta década, consolidando un modelo de desenvolvemento sustentable baseado na investigación e na innovación.

Así, xa ten permitido envestir máis en investigación, en innovación, en emprender e en formación para obter os mellores resultados en creación de emprego e benestar social. Todo co ánimo de aproveitar as capacidades de Galicia nunha serie de ámbitos económicos, científicos e tecnolóxicos para xerar impacto económico no territorio e promover a creación de emprego a través de proxectos innovadores e con retorno social.

Despois da experiencia da RIS3 Galicia 2014-2020, a Xunta segue avanzando para desenvolver unha estratexia máis completa para o 2021-2027. A iniciativa estará aliñada co plan Next Generation, cos obxectivos políticos 21-27 da Unión Europea e conterá o Plan de Innovación de Galicia para a próxima década, de acordo aos criterios de planificación económica da Comunidade. Unha oportunidade para acelerar a recuperación de Galicia nun período de importante mobilización de fondos por parte da UE.

Está en coherencia, polo tanto, coas prioridades europeas da sustentabilidade e a transformación dixital, debido a que é máis internacional e contempla o deseño dun marco de axudas máis flexible e adaptado ás necesidades do ecosistema galego de innovación para acadar un maior impacto e ser máis integrador e colaborativo.