A Xunta destaca a importancia da colaboración público-privada para desenvolver proxectos como o de Ferroatlántica que permiten mellorar a fabricación de baterías de ion-litio

2021-06-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá por videoconferencia no acto de presentación desta iniciativa que busca mellorar o custo e a sustentabilidade das baterías de alta densidade enerxética
  • A Administración autonómica apoia este proxecto con 1,7 millóns de euros a través do programa Fábrica Intelixente
  • Nesta iniciativa participan tamén ABCRLabs, Enso Innovation, Ártabro Tech e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multusectorial (Cetim)

Santiago de Compostela (A Coruña), 3 xuño de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá por videoconferencia ao acto de presentación do proxecto Eco-Smart Batt que está a desenvolver Ferroatlántica desde a súa sede en Sabón (Arteixo) co obxectivo de mellorar a densidade enerxética, o custo e a sustentabilidade das baterías de ion-litio. A Xunta apoia esta iniciativa con 1,7 millóns de euros no marco do programa Fábrica Intelixente, o que redunda na aposta da Administración autonómica por contribuír, desde a colaboración público-privada, na execución de novos proxectos industriais.

Argerey destacou o esforzo que está a facer a industria galega por adaptarse a un contexto de transición ecolóxica e transformación dixital, e puxo como exemplo os obxectivos beneficiosos deste proxecto que pretende mellorar os procesos de fabricación para ser máis eficientes; diminuír a pegada de carbono; e ser pioneiro no deseño de materiais competitivos para as baterías de alta densidade enerxética.

A iniciativa, na que tamén participan ABCRLabs, Enso Innovation, Ártabro Tech e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), conta cun investimento de 2,7 millóns de euros aos que a Xunta achega máis do 60 por cento a través do programa Fábrica Intelixente.

Na súa cuarta edición, este programa da Axencia Galega de Innovación (Gain) ampliou o seu orzamento nun 40 por cento, ata os 21 millóns de euros, para apoiar nove proxectos onde empresas e organismos de investigación colaboran para avanzar no campo da dixitalización industrial.

Balance de Fábrica Intelixente

O programa Fábrica Intelixente contribuíu ata o de agora ao desenvolvemento de 24 proxectos con axudas por case 73 millóns, cun investimento público-privado de máis de 272 millóns de euros e con 68 empresas e centros de investigación públicos e privados beneficiados.

Sobre o proxecto concreto de Ferroatlántica, a directora da Axencia Galega de Innovación salientou que este tipo de iniciativas non fan máis que sumar para seguir no camiño cara a creación dun novo modelo industrial en Galicia que combine o binomio indivisible da dixitalización e a sustentabilidade. Así mesmo, avogou pola colaboración entre as empresas, centros de investigación e a administración pública como parte fundamental para levar adiante calquera proxecto de I+D+i.