A Xunta reivindica a Unidade Mixta de Investigación na que colabora coa UDC e Navantia como unha ferramenta fundamental para a modernización do tecido industrial de Ferrolterra

2021-05-12
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, salientou a necesidade de colaboración entre empresas e centros de coñecemento nunha xornada de difusión da UMI no campus ferrolán da Universidade da Coruña

Ferrol, 12 de maio de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada de difusión da Unidade Mixta de Investigación (UMI) da Universidade da Coruña (UDC) e Navantia baixo o título de “O Estaleiro do Futuro”, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, onde tivo a oportunidade de coñecer os avances dos proxectos de investigación desenvolvidos no marco desta iniciativa.

No transcurso da mesma, a directora de Gain salientou o valor das UMIS como instrumento favorecedor da cooperación entre os organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial, co obxectivo de desenvolver, de xeito conxunto e coordinado, actividades de investigación, innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia. Deste xeito, a UMI contribúe á modernización do tecido industrial de Ferrolterra. “A súa posta en marcha, no 2014, foi unha decisión enmarcada nunha estratexia de transformación do sistema de innovación de Galicia, no que aínda estamos inmersos e que segue dando os seus froitos”. En total, puxéronse en marcha 46 iniciativas cunha mobilización de 130 millóns de euros.

Neste sentido, explicou que o sistema de innovación galego está a vivir un proceso de transformación no que adquire unha especial relevancia, en primeiro lugar, a colaboración entre os diferentes axentes da innovación, “o que beneficia a toda a cadea de valor e, polo tanto, tamén ás nosas pemes”. Pero hai outro aspecto fundamental a ter en conta, como é a especialización naquelas áreas de actividade con potencial para converterse en referentes no mundo. “E o sector naval, desde logo, é un deses sectores”, subliñou Argerey.

En relación coa UMI da UDC e Navantia, que ten abertas actualmente catorce liñas de investigación que dan emprego a 25 persoas, a directora da Axencia puxo en valor o impacto científico e tecnolóxico dos resultados obtidos ata o de agora. “Por unha banda, Navantia xa implementou no estaleiro algúns dos proxectos iniciados na primeira etapa e puxo en marcha proxectos piloto que, con seguridade, acabarán obtendo grandes resultados”. A UDC, pola súa banda, plasmou a excelencia dos resultados conseguidos en publicacións especializadas, traballos en congresos e teses doutorais. Ademais, están en marcha un rexistro de patente e un rexistro de software.

Patricia Argerey sinalou ademais que esta Unidade Mixta de Investigación está aliñada co obxectivo do Goberno galego de modernizar e diversificar o tecido industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, proceso no que a innovación terá un papel determinante. “Unha modernización na que a I+D+i vai ser un vector fundamental e transversal porque, como vén lembrando nos últimos días o presidente da Xunta, estamos a falar de converter Ferrol, entre outras cousas, no paradigma do que debe ser o Estaleiro 4.0. E ese reto permitiranos gañar en competitividade e conseguir máis carga de traballo para o sector naval na comarca”.

Neste sentido, a directora de Gain amosou a súa confianza en que o resto de administracións se sumarán ao Pacto de Estado por Ferrol que trace o camiño a seguir nos próximos anos para a reactivación económica e social desta comarca nunha situación como a actual, “que debemos ler en termos de oportunidade”, sinalou. “Isto significaría que cada administración asumirá os compromisos adquiridos e que están pendentes de desenvolver, como o dique cuberto ou o taller de sub-bloques”, concluíu Argerey.