A Xunta comeza unha nova iniciativa para promover encontros de transferencia e innovación entre empresas e centros de coñecemento galegos

2021-04-30
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu ao primeiro acto desta experiencia que, enmarcada no programa Ignicia, pretende activar procesos colaborativos que permitan xerar solucións aos retos empresariais identificados
  • Este primeiro ciclo celebrarase ata o mes de xullo e xirará en torno a cuestións ambientais

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), arrincou hoxe o primeiro ciclo de Encontros de Transferencia e Innovación que reuniu na súa xornada inaugural a empresas do ámbito loxístico e centros de coñecemento para afondar de xeito específico no reto climático para ese sector en concreto. Esta nova iniciativa forma parte do programa Ignicia, que agrupa as distintas actuacións de Gain para promover a transferencia de resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos cara o tecido produtivo, e contribuír así á rendibilidade económica e social do investimento en ciencia.

Na inauguración desta iniciativa, a directora de Gain, Patricia Argerey sinalou que “o obxectivo é poñer en contacto aos diferentes axentes do ecosistema galego de innovación —empresas e centros de coñecemento-, a fin de estudar as necesidades dunhas e as capacidades dos outros para a definición de proxectos colaborativos orientados a xerar solucións aos desafíos cada vez máis complexos aos que se enfronta o tecido empresarial galego”.

Os centros de coñecemento do sistema galego de innovación teñen numerosas capacidades científico-tecnolóxicas con potencial para dar resposta aos desafíos cada vez máis complexos que ten que enfrontar o tecido empresarial. “En Galicia faise unha ciencia excelente. Agora trátase de converter en valor económico o potencial da I+D+i galega a través de solucións innovadoras comercializadas ou incorporadas polas empresas”, destacou a directora.

Argerey tamén puxo en valor a transformación que vén experimentando o sistema de innovación galego, no que se aprecia unha propensión cada vez maior das empresas a innovar en colaboración. De feito, segundo indicou a directora de Gain, as empresas galegas, xunto coas vascas, ocupan os primeiros postos en canto a innovación en colaboración con outros axentes, un modelo que a Xunta de Galicia vén impulsando para “continuar mellorando a nosa innovación e podermos avanzar, entre todos, cara a un modelo económico máis baseado no coñecemento e con maior valor engadido”.

Por outra banda, a directora de Gain sinalou esta iniciativa como unha ferramenta útil para favorecer proxectos innovadores con capacidade tractora que poidan optar aos fondos europeos que se van a mobilizar para abordar a recuperación económica. “Trátase dunha oportunidade, e aínda que é certo que existen moitas incógnitas por resolver, os fondos europeos teñen que servir como panca para estimular a I+D”.

O primeiro ciclo de encontros celebrarase entre os meses de abril e xullo e xirará en torno aos retos ambientais, coa seguinte planificación:

Clima e economía do carbono

  • 30 de abril: “O reto climático para o sector loxístico”
  • 16 de xuño: “O reto climático para o sector agroalimentario”

Economía circular e materiais

  • 19 de maio: “O reto circular e o sector téxtil”
  • 7 de xullo: “O reto circular e o sector da construción”