A Xunta apoia ao Grupo Nueva Pescanova na creación dun novo modelo de fábrica 4.0, ao que aplicará a intelixencia artificial para gañar en sostibilidade e eficiencia produtiva

2021-04-21
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe a presentación do proxecto Sea2Table 4.0, que desenvolverá Grupo Nueva Pescanova, xunto co Centro de Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e a spin off da Universidade de Vigo, ASM Soft
  • Este é un dos 9 proxectos que a Xunta apoiará no marco da cuarta edición do programa Fábrica intelixente e sostible, que contarán con 21 M€ en axudas e mobilizarán 57 M€

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu esta mañá á presentación do proxecto Sea2Table 4.0, que desenvolverá o Grupo Nueva Pescanova, xunto co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións, Gradiant, e a spin off da Universidade de Vigo, ASM Soft, no marco da cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible.

Os responsables do proxecto explicaron o seu obxectivo de implantar un novo modelo de fábrica intelixente na industria alimentaria, que promova a sostibilidade e a eficiencia produtiva mediante a aplicación de tecnoloxías de intelixencia artificial. Así mesmo, pretenden axilizar a toma de decisións dentro do grupo, gañando en flexibilidade e eficiencia, ademais de conseguir unha cadea de subministro dixitalizada que garanta a calidade, seguridade e trazabilidade en toda a cadea de valor.

Patricia Argerey salientou a importancia de que empresas líderes nos seus respectivos sectores, coma é o caso do Grupo Nueva Pescanova, desenvolvan este tipo de proxectos de innovación, porque teñen “un efecto tractor sobre o ecosistema industrial da nosa comunidade, o que significa que constitúen un elemento imprescindible para a transformación do conxunto do noso tecido industrial”. Neste sentido, a directora de Gain puxo de relevo a importancia da colaboración público privada para abordar esta transformación: “Trátase dun camiño que temos que percorrer xuntos, as empresas, os centros de investigación e coñecemento e, por suposto, a administración pública, que ten a misión de favorecer e impulsar as pancas para que a iniciativa privada poida poñer en marcha os seus proxectos”.

A esta visión responde o programa Fábrica Intelixente e Sostible, cuxa cuarta edición, na que se enmarca o proxecto do Grupo Nueva Pescanova, contempla o apoio a 9 proxectos, cun apoio público de 21 millóns de euros, que permitirán mobilizar preto de 57 millóns de euros ao longo dos dous vindeiros anos. Cómpre salientar ademais que, desde a posta en marcha en 2016 do Programa Fábrica intelixente e sostible, o Goberno galego ten apoiado un total de 24 proxectos con axudas que ascenden a case 73 millóns de euros, mobilizando 272 millóns en sectores estratéxicos para a comunidade.

Finalmente, Patricia Argerey subliñou a profunda vocación innovadora do sector industrial de Galicia e puxo en valor a capacidade do ecosistema galego de innovación, “con centros de investigación e coñecemento pegados á nosa realidade industrial, para dar resposta ás demandas e aos retos neste eido”.