A Xunta destaca o potencial emprendedor do sector biotecnolóxico galego nunha visita á spinf-off Celtarys Research

2021-03-31
  • A empresa de base tecnolóxica, de recente constitución, desenvolve ferramentas fluorescentes para acelerar o descubrimento de fármacos
  • A tecnoloxía que está detrás da spin-off foi validada técnica e comercialmente a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié
  • Celtarys Research participou tamén na incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou o potencial do sector biotecnolóxico galego na creación de novas empresas, durante a súa visita á spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Celtarys Research. Precisamente, esta firma, recentemente constituída, recibiu o apoio do programa Ignicia da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para validar a tecnoloxía, incorporar persoal de xestión de alto nivel, atraer o interese de investidores e transformala nunha empresa de base tecnolóxica, ademais de recibir un financiamento de 427.000 euros.

Argerey apuntou que Galicia conta cun ecosistema innovador arredor da biotecnoloxía que destaca pola súa capacidade competitiva no ámbito da investigación, o que sitúa á nosa comunidade en posición de liderado a nivel mundial en certas disciplinas do coñecemento científico como o desenvolvemento temperán de fármacos, ámbito ao que vai contribuír esta nova empresa. Porén, a directora de Gain sinalou que cómpre acelerar e mellorar os procesos de transferencia tecnolóxica para que estes avances cheguen á sociedade; e unha forma cada vez máis valorada de transferencia de coñecemento desde o ámbito universitario son as spin-off.

Galicia destaca, precisamente, entre as comunidades autónomas máis bioemprendedoras, segundo o Informe Asebio 2019, soamente por detrás de Cataluña e ao mesmo nivel que País Vasco. Argerey anunciou que desde a Xunta de Galicia se seguirá apostando por este sector a través dunha nova Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia, na que se está traballando actualmente, e que dará continuidade á Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, que permitiu mobilizar máis de 200 millóns de euros.

Celtarys Research é unha empresa de base tecnolóxica que desenvolve e comercializa unha tecnoloxía innovadora que permite acelerar o descubrimento de fármacos. Emprega ferramentas químicas fluorescentes moi sensibles e específicas, mediante unha metodoloxía eficiente e respectuosa co medio ambiente. Esta tecnoloxía xurdiu da identificación dunha problemática de relevancia industrial con connotacións económicas, de seguridade e medioambientais, xa que permite substituír o uso da radioactividade durante o desenvolvemento de fármacos. Deste xeito, axuda ás compañías farmacéuticas a ser máis competitivas, acelerando o descubrimento de mellores fármacos.

Programa Ignicia e BioIncubaTech

O programa Ignicia, que impulsou a creación da empresa Celtarys, ten como obxectivo impulsar a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos. Desde a súa posta en marcha no ano 2016, en colaboración coa Fundación Barrié, ten permitido apoiar un total de 16 proxectos – 9 deles do sector biotecnolóxico – cun investimento global de 7 millóns de euros, deu lugar á creación de 8 novas spin-offs e implicou o mantemento ou creación de 123 empregos de alta cualificación.

Actualmente, acaba de pechar a convocatoria de 2021 deste programa ao que se presentaron 28 solicitudes, nas que están representadas todas as entidades do ámbito da investigación en Galicia (as tres universidades, tres fundacións de investigación sanitaria e dous centros tecnolóxicos) e das que se prevé apoiar 7 cun investimento asociado de arredor de 400.000 euros cada un.

Ademais da convocatoria, o programa Ignicia inclúe outras actuacións como actividades de capacitación, valorización e comercialización de resultados da I+D, orientadas a estimular a detección de novos proxectos de transferencia, así como a formar e incorporar aos centros de coñecemento profesionais con formación científica capaces de definir estratexias de comercialización de resultados. Actualmente están en marcha dous cursos de formación, un destinado a persoal investigador e outro a xestores de transferencia.

Ademais, dentro das actuacións de monitoraxe do sistema de transferencia, estanse realizando dous estudos: Análise sobre a situación da transferencia no Sistema Galego de I+D+i 2011-2018 e Análise funcional e organizativa das unidades de transferencia no Sistema Galego de I+D+i. Así mesmo, participouse na iniciativa do JRC KTMetrics que busca a homoxeneización de indicadores de transferencia a nivel europeo, poñerase en marcha unha metodoloxía de avaliación preliminar do potencial comercial de resultados de I+D e iniciarase un programa de encontros sobre transferencia entre investigadores/centros de coñecemento e industria para fomentar este tipo de procesos.

Celtarys Research tamçen participou na incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, promovida pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago e co financiamento da Fundación Incyde e Gain: Esta iniciativa permitiu a constitución de 12 empresas. Actualmente, está en marcha a segunda edición do programa, no que participan un total de 21 proxectos, dos que 12 pertencen ao sector bio. A través de BioIncubaTech, Celtarys puido abrir novas oportunidades de negocio, internacionalización e apoio técnico e legal.