A Xunta e o Grupo Lence analizan os apoios á innovación dirixidos á industria alimentaria

2021-03-11
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a planta que a empresa Leite Río ten no polígono do Ceao (Lugo) para coñecer os novos proxectos que están desenvolvendo
  • O encontro tamén serviu para explicar as liñas de axuda do Goberno galego dirixidas a fomentar a innovación entre as grandes empresas

Lugo, 11 de marzo de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a planta que a empresa Leite Río do grupo Lence ten no polígono industrial do Ceao (Lugo). O obxectivo do encontro era coñecer os novos proxectos que o grupo lácteo ten en marcha, así como asesorar sobre as liñas de apoio da Xunta de Galicia á modernización do tecido produtivo, en concreto, ás grandes empresas.

Argerey, acompañada da conselleira delegada deste grupo, Carmen Lence, apuntou que o sector alimentario é estratéxico para a economía galega e, como tal, é prioritario para as políticas de innovación do Executivo galego. De feito, un dos tres retos prioritarios da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) é a modernización dos sectores primarios galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da súa eficiencia e reorientación cara usos de maior valor engadido.

A directora de Gain contextualizou esta aposta da Xunta de Galicia por aumentar a competitividade da industria alimentaria a través da innovación no contexto de pandemia por coronavirus que ten demostrado o carácter esencial do sector. Neste sentido, sinalou que “a aposta pola innovación é, se cabe, máis importante ca nunca para responder con éxito aos grandes retos que nos plantexa a situación actual”.

Precisamente, o grupo Lence está inmerso actualmente no desenvolvemento de novos produtos de gran valor engadido grazas á innovación que contribuirán, en palabras de Patricia Argerey, “a crear emprego de calidade e xerar riqueza”. A directora tamén destacou a participación do grupo na aceleradora de innovación vencellada ao sector alimentario, Business Factory Food, impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Alimentario de Galicia, na que colabora como empresa tractora achegando coñecemento, dedicación e recursos a prol do impulso ao emprendemento innovador e á consolidación de proxectos innovadores neste ámbito.

A directora de Gain aproveitou a visita para informar á empresa sobre as liñas de apoio que a Axencia Galega de Innovación ten actualmente abertas para fomentar a innovación e dixitalización do tecido produtivo galego. Anunciou que o vindeiro luns 15 de marzo se publicarán as convocatorias dos programas Talento Sénior e Principia, que apoian a contratación de persoal para realizar actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación. Tamén lembrou que está actualmente aberta a convocaroria Conecta Hubs para apoiar proxectos de I+D+i colaborativos aliñados coas áreas dos Hubs de Innovación Dixital que ten como obxectivo facilitar a transición dixital das empresas galegas e, por tanto, a súa competitividade.

Por último, presentou o programa Deseño para a Innovación que persegue que as empresas galegas incorporen o deseño nas súas estratexias empresariais como motor de innovación e de competitividade, grazas á súa capacidade para conectar ás empresas coas necesidades das persoas, mellorando a experiencia dos usuarios, optimizando a funcionalidade dos produtos e facendo posible que os avances en coñecemento se traduzan en novos produtos e servizos.