A Xunta impulsa a innovación no grupo Iberconsa a través da contratación de persoal investigador

2021-03-10
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo visitaron esta mañá a planta deste grupo internacional referente no ámbito da pesca e da transformación e distribución de produtos do mar conxelados
  • A empresa conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Talento Sénior para a contratación dunha técnico altamente cualificada para o seu departamento de I+D+i
  • O vindeiro 15 de marzo publicarase unha nova convocatoria deste programa, que nesta cuarta edición facilitará a contratación de arredor de 14 tecnólogos ou investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia para que desenvolvan a súa carreira profesional en Galicia

Vigo, 10 de marzo de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta mañá a planta do grupo internacional Iberconsa, líder mundial na comercialización de lagostino austral e pescada conxelada e segundo grupo pesqueiro español, que ten a súa orixe en Galicia nos anos 80 e con presenza actualmente nos cinco continentes.

Iberconsa Seafood Processing, a planta de Vigo do grupo, conta cunha axuda de 64.000 euros do programa Talento Sénior de Gain para a contratación desde 2019 dunha técnico altamente cualificada para reforzar o seu departamento de I+D+i. Este departamento coordina a renovación tecnolóxica do grupo e a ampliación da oferta e a calidade dos produtos a través da innovación nas técnicas de captura, envasado e coidado da materia prima para adaptarse ás demandas do consumidor actual e potenciar as vendas da súa rede de tendas Hiperxel.

A directora de Gain inscribiu este apoio na aposta da Xunta de Galicia por fomentar o emprego cualificado en Galicia, a través da atracción e retención de talento no Sistema Galego de I+D+i, como principal factor diferencial do desempeño innovador das empresas. Precisamente, o obxectivo desta liña de axudas é atraer e reter persoal altamente cualificado para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia tanto no sector público como privado.

Nova convocatoria do programa Talento Sénior

O vindeiro luns 15 de marzo está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da cuarta edición do programa Talento Sénior, a través do que está previsto facilitar a contratación de arredor de 14 persoas tecnólogas ou investigadoras doutoras con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación non universitarios públicos e privados e centros tecnolóxicos.

O seu obxectivo é a atracción e retorno deste persoal de alta cualificación para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia, así como estimular a demanda no sector público e privado deste tipo de perfís para acometer proxectos de I+D+i. Os incentivos á contratación variarán entre un 40% e un 60% en función da retribución bruta, que será dun mínimo de 40.000 euros, e os contratos terán unha duración mínima de tres anos. Entre os criterios de adxudicación desta liña de axudas terase en conta a participación feminina co obxectivo de contribuír a un sistema de innovación máis igualitario en Galicia.

En anteriores edicións deste programa apoiouse a incorporación de 36 técnicos altamente cualificados para desenvolver actividades de I+D+i nas empresas e centros de coñecemento galegos.

Así mesmo, o luns tamén se publicará a convocatoria do programa Principia, para apoiar a contratación en empresas e organismos de investigación de persoal técnico, mozo e cualificado, para a realización de actividades de I+D+i, prevendo a incorporación de 100 mozos e mozas de ata 35 anos de idade. En total, entre as dúas convocatorias, apoiarase a contratación de máis de 100 profesionais vencellados a actividades de I+D+i cun orzamento de 2,1 millóns de euros.