Estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato de toda España xa poden presentar os seus proxectos a Galiciencia online 2021

2021-03-08
  • O 3 de maio remata a prazo para poder participar con proxectos na maior feira científica da comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia

Santiago de Compostela-Ourense, 8 de marzo de 2021.- Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) desde o ano 2006. A súa finalidade é achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta mañá abríase o prazo para que @s rapaces presenten os seus proxectos; poderán facelo ata o vindeiro 3 de maio.

Esta 16ª edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática “A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento”. Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria. Esta circunstancia permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía.

Os rapaces xa poden enviar os seus proxectos a www.galiciencia.online. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial.

Premios para os tres primeiros equipos e para o mellor proxecto feminino

Os participantes na competición de proxectos buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.

O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lles permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para poder participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial de Galiciencia 2021 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza. Búscase así contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i desde a etapa educativa, promovendo a participación e o liderado femininos nos proxectos científicos e tecnolóxicos.

Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia.