Galicia aspira a que os seus Hubs de innovación dixital reciban o recoñecemento da Unión Europea

2021-02-23
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, indicou durante unha xornada con motivo da Semana Europea da Industria que as iniciativas impulsadas por Ceaga e Bioga servirán para apoiar a transformación dixital das pemes galegas
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain) vén de abrir a convocatoria do programa Conecta Hubs, que conta cun orzamento de 6,8 millóns de euros para favorecer proxectos colaborativos de I+D+i nas áreas de especialización de ambos os dous hubs

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe, nun webinario organizado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) no marco da Semana Europea da Industria, que a Xunta ve nos Hubs de innovación dixital os novos instrumentos para apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego, fundamentalmente pensando nas pequenas e medianas empresas.

Conde sinalou que esta transformación cara a Industria 4.0, que Galicia xa estaba abordando a través da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), é aínda máis importante e necesaria ca nunca, xa que permite fortalecer o sector industrial e facelo máis innovador, sustentable e competitivo. Apuntou que a pandemia obrigou a moitas empresas a dotarse dunha maior flexibilidade para abordar retos como o desenvolvemento de novos produtos, a identificación de provedores axeitados ou a apertura de novos segmentos de mercado.

Para acompañar ás empresas á hora de abordar estes desafíos, a Xunta promoveu a creación de Hubs, seleccionando aqueles considerados como estratéxicos pola súa contribución ao desenvolvemento da RIS3 en Galicia, e pola súa capacidade para atender, baixo unha perspectiva integral, as demandas empresariais que se formulasen en relación coas tecnoloxías dixitais en sectores clave da economía galega.

Como resultado deste proceso foron recoñecidos como tal Dihgigal, promovido polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e que abarca toda a cadea de valor da automoción, o naval, a alimentación, as TIC, o téxtil, o sector da pedra, o forestal e a aeronáutica; e Datalife, impulsado por Bioga, orientado ao uso da intelixencia artificial e o big data en pemes dos sectores primario, biotecnolóxico e da saúde. Tal e como puxo de manifesto Conde, ambos aspiran a ser recoñecidos pola Unión Europea como Hubs de Innovación Dixital Europeos, nun proceso de selección que se abrirá de forma inminente.

O vicepresidente económico lembrou que nos dous últimos anos, estes Hubs estratéxicos para Galicia contaron co apoio técnico e financeiro da Xunta e que agora resulta necesario abrir unha nova fase para impulsar o inicio das súas operacións cun novo convenio plurianual e o desenvolvemento de mecanismos que estimulen a realización de proxectos innovadores por parte das empresas. Neste sentido vai dirixido o programa Conecta Hubs, cuxa convocatoria se abriu a semana pasada cun orzamento de 6,8 millóns de euros para apoiar proxectos colaborativos de I+D+i nas áreas de especialización de ambos os dous hubs.

Conde sinalou na súa intervención que se seguirá nesta liña a través da nova Estratexia de Especialización Intelixente RIS3, onde se priorizará a dixitalización e se dará un papel protagonista aos Hubs, claves para seguir avanzando na colaboración público-privada e consolidar o ecosistema innovador galego.