A Xunta convoca por un importe de 24 M€ as axudas para os grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i galego

2021-02-16
  • O DOG publica hoxe a convocatoria conxunta da Consellería de Educación e da Vicepresidencia segunda para financiar a actividade investigadora dos Grupos de Referencia Competitiva, os Grupos de Potencial Crecemento e os Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente
  • O apoio continuado a estes grupos desde 2009 permite manter unha actividade investigadora constante e posibilita o traballo de máis de 276 grupos a día de hoxe
  • O Goberno galego leva mobilizado más de 175,5 millóns de euros nos últimos 12 anos para estas entidades grupais

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia vén de convocar hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia, as axudas para o funcionamento dos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o período 2021-2025, que supoñen unha inxección de 24 millóns de euros.

Trátase dunha convocatoria conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, coa que se vai seguir dotando o sistema investigador de estabilidade e impulsando a súa excelencia.

Con cargo a esta liña de axudas, o Goberno galego leva mobilizado máis de 175,5 millóns de euros para estas entidades grupais, o que garante que a día de hoxe haxa 276 grupos cunha actividade investigadora constante (240 deles no Sistema Universitario Galego e outros 36 noutras entidades investigadoras).

A convocatoria vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

Incremento das contías

Dos preto de 24 millóns de euros destinados á convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achega preto de 20 millóns de euros (un 56% máis que no ano 2020) e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación – GAIN, 4 millóns de euros (un 82% máis que no ano 2020).

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación universitaria que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.

Ao igual que o ano pasado, a convocatoria inclúe o apoio a Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), a Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B), e a Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C). Ademais, mantense o criterio de ter en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.

Grupos de Referencia Competitiva

Esta modalidade A está dirixida aos Grupos de Referencia Competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe total de cada unha das axudas virá determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribuirase por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable. A esta modalidade destínanse 18.004.616€.

Grupos de Potencial Crecemento

A modalidade B está dirixida a Grupos de Potencial Crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

As axudas serán de aplicación por un período de tres anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000€ na primeira e de 35.000€ na segunda e terceira. A contía total que se mobiliza nesta modalidade ascende a 3.060.000 euros.

Proxectos de excelencia

Esta modalidade C está destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Isto é, axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadoras ou investigadores individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Trátase de reforzar o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do ERC (European Research Council), do Programa Ramón y Cajal, do Miguel Servert ou do Juan Rodés, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

Dentro desta modalidade, en función das características dos investigadores, hai unha liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e outra liña de reforzo de traxectorias emerxentes, ás que se destina un total de 2.815.000 euros nesta convocatoria.

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de catro anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 euros.

No caso dos proxectos da liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período de cinco anualidades e unha contía máxima anual de 25.000 euros.

Conceptos subvencionables

As axudas das tres modalidades poderán destinarse ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; e formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas, así como a viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.

Tamén serán conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas de apoio económico por parte do Goberno galego para a consolidación dun sistema galego de I+D+I que camiñe cara á excelencia e cara ao recoñecemento internacional, a través de convocatorias como esta ou as dirixidas ás estruturas supragrupais, como son os oito centros de investigación acreditados das tres universidades galegas (que se van agrupar baixo o selo identificativo CIGUS) cun financiamento de 18 M€.