A Xunta avanza a posta en marcha de novas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas

2021-02-11
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Ponteceso na presentación do proxecto que un equipo do IES Eduardo Pondal presentará á fase rexional do certame CanSat da Axencia Espacial Europea (ESA)
  • A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación organiza en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade a fase autonómica do certame no marco do programa de vocacións do Polo Aeroespacial de Galicia

Ponteceso (A Coruña), 11 de febreiro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Ponteceso na presentación do proxecto do equipo do IES Eduardo Pondal no certame CanSat, organizado pola Axencia Espacial Europea (ESA) e coordinado en Galicia pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Gain, e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O concurso está dirixido a estudantes de entre 14 e 19 anos que deben realizar un mini satélite do tamaño dunha lata de refresco para levar a cabo dúas misións. O equipo Pontesat, formado por 4 alumnos e 2 alumnas do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e titorizados por un alumno que participou na edición de 2020 do certame na que quedaron segundos, é un dos once equipos de nove centros educativos de toda Galicia que participan na fase autonómica do concurso. Está previsto que os lanzamentos para a selección do equipo gañador sexan entre o 6 e o 8 abril de 2021 no aeródromo de Rozas e o equipo gañador participará na competición nacional prevista para os días 23-25 de abril de 2021.

A Axencia Galega de Innovación participa no certame dentro do programa de fomento das vocacións no ámbito aeroespacial Voando alto, sumando vocacións, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. O obxectivo deste programa é formar e atraer talento cara un sector con gran potencial de futuro, como o dos drons, polo que Galicia vén apostando dende 2015.

Novas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas

Patricia Argerey aproveitou a visita ao centro de ensino, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, para anunciar novas actividades que o seu departamento pon en marcha co obxectivo de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado.

No marco do programa D´tec de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no ámbito do deseño, das tecnoloxías de Realidade Virtual e Aumentada, Materiais e Industria 4.0, lánzanse hoxe dúas novas actividades para desenvolver nas aulas dos centros educativos: o proxecto escolar Creación de Mundos en Realidade Aumentada e Realidade Virtual, dirixido a estudantes dos últimos cursos de Educación Primaria (5º-6º), no que o alumnado se mergullará no funcionamento destas tecnoloxías e aprenderán a desenvolver os seus propios contidos de Realidade Virtual e Aumentada (Máis información e inscrición: https://www.cistecnoloxiaedeseno.gal/proxecto-escolar-creacion-de-mundos-ar-e-vr/) e o proxecto escolar Redeseñando o mundo, dirixido a estudantes de Educación Secundaria (1º-4º), que levará ao alumnado a través de todo o proceso creativo implicado no deseño dun produto mentres aprenden o manexo de ferramentas dixitais https://www.cistecnoloxiaedeseno.gal/proxecto-escolar-redisenando-o-mundo/. O prazo de inscrición destas dúas actividades estará aberto ata o 24 de febreiro de 2021.

Pola súa banda, no marco do programa Voando alto, sumando vocacións, no que xa se teñen realizado varias actividades como talleres, charlas ou a Aula Móbil Newton, este curso 2020/2021 está previsto retomar actividades como novos talleres e visitas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas para amosar aos mozos e mozas as diversas opcións que lles ofrece o sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados e lanzar o concurso artístico Civil UAVs Initiative IMAXINADRON.

Gain colabora tamén co programa EdutecEmprende da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que ten como obxectivo sensibilizar ao alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega a áreas STEM. Nesta convocatoria, o alumnado de 4 centros educativos terán a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos e as liñas de traballo actuais do CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol.

Asimesmo, a través do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a Xunta vén desenvolvendo diversos proxectos vencellados ao fomento das vocacións científicas entre a infancia e a mocidade como a feira Galiciencia; STEAM Kids Tecnópole; as Aulas Tecnópole; e o campamento tecnolóxico de verán T2 W. Tamén en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, veñen celebrándose en Ponteceso as Aulas Isidro Parga Pondal. Precisamente, a directora de Gain aproveitou a presenza do presidente desta Fundación no acto de hoxe para destacar o importante papel que xogan este tipo de iniciativas para introducir á mocidade na investigación e espertar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía. Mostra delo é a motivación e iniciativa do equipo de estudantes que presentaron hoxe o seu proxecto e a propia existencia dun espazo maker no centro.

A directora de Gain lembrou que un dos obxectivos prioritarios do programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas é acadar unha participación equitativa e plena da muller e da nena na ciencia. Neste senso, subliñou a importancia de celebrar efeméredes como a de hoxe para visibilizar o papel de mulleres científicas que funcionen como referentes para as xeracións máis novas e contribúan a romper os estereotipos de xénero. E puxo como exemplo á matemática e física da NASA, Katherine Johnson, que participou nalgunhas das misións espaciais máis importantes, como a a primeira misión tripulada á Lúa e animou ás mozas a seguir os seus pasos.