Conde destaca que a Xunta impulsa unha economía máis sustentable que garante a reactivación a través da transformación ecolóxica e industrial

2021-02-09
  • Aposta pola colaboración e o consenso para abordar a recuperación económica de Galicia e avanza que o seu departamento xa aprobou 28.000 solicitudes de apoio no marco do Plan de reactivación que suman 270M€
  • Destaca que a Xunta está achegando medidas de choque para facer fronte ás necesidades máis inmediatas do tecido empresarial ao tempo que dá resposta aos principais retos aos que se enfronta a economía para saír fortalecidos da crise
  • O vicepresidente segundo avoga pola anticipación para atender con maior precisión as necesidades de traballadores, microempresas, pemes e autónomos
  • Cita como principais estímulos para a recuperación a vacina e os fondos Next Generation, e sinala que un dos puntos fortes da candidatura galega a estes apoios europeos é o Polo para a transformación de Galicia
  • Esta iniciativa, que a Xunta impulsa xunto con 30 empresas e centros tecnolóxicos, permitirá afianzar a participación das pemes galegas nas iniciativas e a súa competitividade

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe na súa comparecencia a petición propia no Parlamento para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento, que a Xunta impulsa unha economía máis sustentable que garante a recuperación a través da transformación ecolóxica e industrial. Para contribuír a este obxectivo, apostou pola colaboración entre todos os axentes e avanzou que a Consellería xa aprobou, no marco do Plan de reactivación, 28.000 solicitudes de apoio por valor de 270 millóns de euros.

Na súa intervención, Conde sinalou que a Xunta está traballando desde dúas perspectivas. Por un lado, con medidas de choque, tanto no eido sanitario como económico, para facer fronte ás necesidades máis inmediatas, e por outro lado, con medidas de transformación do tecido empresarial galego, para saír así fortalecidos da crise respondendo aos principais desafíos aos que se enfronta a economía. O vicepresidente económico fixo fincapé en que o momento tan complexo que se está a vivir require a procura de consensos sobre os que construír o futuro de Galicia, polo que apelou a manterse unidos no Parlamento para favorecer a recuperación económica e social.

Aínda que o vicepresidente económico sinalou que a Comunidade está a resistir mellor que a media das autonomías, apuntou que o escenario é moi adverso para o conxunto da economía española. Por iso, apostou pola prudencia e a anticipación para atender coa maior precisión posible as necesidades de traballadores, microempresas, pemes e autónomos. Durante a súa intervención, citou a vacina e os fondos europeos de reconstrución Next Generation como principais estímulos para a recuperación.

Tal e como apuntou, desde a Vicepresidencia segunda son máis de 350 millóns de euros os que se están destinando no marco do Plan de reactivación e dinamización de Galicia a dous obxectivos fundamentais: o financiamento, con 180 millóns, e máis de 170 millóns para distintas liñas de axudas directas relacionadas coa dixitalización, a innovación fronte á covid-19, a eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable ou a transformación empresarial. Xa se recibiron máis de 35.000 solicitudes de apoio, das que se resolveron ao redor de 28.000, oito de cada dez, por valor de 270 millóns de euros.

O obxectivo destes apoios é dar resposta ás necesidades e as urxencias trasladadas polos autónomos, as pemes e microempresas, e sectores concretos que están sufrindo máis directamente as consecuencias das restricións á actividade, como a hostalería, o comercio, o turismo, o ocio infantil, os feirantes, o deporte ou as axencias de viaxes, entre outros. Neste sentido, o vicepresidente económico fixo unha mención específica sobre o comercio, do que sinalou que se está mantendo un diálogo permanente co sector para deseñar novas medidas que contribúan á súa reactivación.

Modernización da industria

O vicepresidente económico fixo fincapé na necesidade de levar adiante medidas que transformen a economía galega, co reto de modernizar a industria e asegurar o crecemento apoiándose nos sectores estratéxicos da economía para convertelos en motores que arrastren e mobilicen a todo o tecido produtivo; fundamentalmente, as pemes.

Francisco Conde manifestou que, seguindo as pautas que marca a Comisión Europea, ese é o obxectivo principal que move a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, apuntando que un dos puntos fortes da mesma é o Polo para a transformación de Galicia, unha iniciativa que a Xunta impulsa xunto con 30 empresas e centros tecnolóxicos para desenvolver oito proxectos estratéxicos que mobilizarán 3300 millóns de euros de investimento público-privado en tres anos.

Deste xeito, activarase un mecanismo impulsor apoiado pola Xunta e liderado pola colaboración privada para o desenvolvemento dos proxectos tractores da candidatura galega, incluídas as iniciativas do Polo para a Transformación de Galicia. Así, achegarase unha xestión profesionalizada que permita dar maior velocidade e capacidade de tracción aos proxectos; dispoñer de estudos de viabilidade; executar modelos de negocio e dinamizar a captación de fondos e de socios industriais e tecnolóxicos, ao tempo que se garante a incorporación de mellores prácticas no desenvolvemento doutros proxectos estratéxicos de similares características en países europeos, e se afianza a participación das pemes galegas nas distintas iniciativas, así como a súa competitividade.

Lei de reactivación económica

Ao mesmo tempo, tal e como lembrou Conde, estase tramitando no Parlamento a Lei de reactivación económica, coa que se busca poñer o marco normativo máis acaído, tanto para o desenvolvemento destes proxectos tractores como de calquera outra iniciativa de investimento en Galicia, que poderán ver axilizada a súa tramitación, e terán a súa disposición a Oficina Doing Business para todo o proceso administrativo.

Con este novo texto normativo, proporciónase a máxima seguridade xurídica a todo proxecto de investimento que se vaia executar en Galicia para darlle unha tramitación o máis rápida posible, e trasladar estabilidade e confianza ao tecido empresarial, afondando na simplificación administrativa e o apoio ao investimento.

Transición enerxética xusta

Conde apelou á Administración central a poñer a industria no centro das súas políticas, tal e como fai a Xunta, apostando por unha transición enerxética xusta que compatibilice a protección do medio ambiente coa actividade económica, que non deixe no camiño empregos, empresas, comarcas enteiras e familias que viven dos sectores que han de protagonizar esta transformación.

Así, o vicepresidente económico pediu ao Goberno certezas e alternativas que garantan o futuro industrial das comarcas onde se asentan as centrais das Pontes e Meirama, traballar xuntos para que Siemens non peche a súa planta de pas para aeroxeradores das Somozas en pleno boom da enerxía eólica en Galicia, ou ter en conta a realidade da comarca da Mariña —dándolle prioridade–, necesitada desta reactivación industrial e de que Alcoa se sume ao sentir maioritario.

Na súa intervención, Francisco Conde tamén apuntou á defensa da industria instalada no litoral, á carga de traballo para Navantia en Ferrolterra mentres non arrinca a construción das fragatas F-110 e a un prezo eléctrico competitivo que achegue estabilidade á industria hiperelectrointensiva galega.