A Xunta destaca o potencial innovador das pemes galegas do sector aeroespacial

2021-02-05
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra visitaron a empresa Aerocámaras en Lalín
  • A compañía, especializada no sector dos drons, desenvolveu os proxectos AeroCovid e Drone Velutina 2.0 no marco das aceleradoras Connect19 e BFAero impulsadas polo Goberno galego
  • A directora de Gain subliñou o papel clave que xogan as pemes no Polo Aeroespacial de Galicia

Lalín (Pontevedra), 5 de febreiro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitaron esta mañá a sede de Aerocámaras en Lalín. Trátase dunha empresa con preto de 15 anos de antigüidade especializada no sector dos drons, cuxas principais actividades son a formación de pilotos profesionais de drons, a xestión aeronáutica, a xestión de servizos profesionais con drons e o desenvolvemento de aeronaves non tripuladas.

Argerey destacou o potencial innovador das empresas galegas, que se atopan no centro da I+D+i realizada en España no sector dos drons, e que, grazas á aposta da Xunta a través do Polo Aeroespacial de Galicia, viron reforzadas as súas capacidades tecnolóxicas e as súas oportunidades. Neste sentido, puxo a Aerocámaras como exemplo de empresa que soubo aproveitar o potencial deste segmento de mercado, o dos drons, e medrar ata converterse nun referente en España e en plena expansión internacional.

A directora de Gain fixo énfase na vocación innovadora da empresa que a levou a participar en dúas aceleradoras de innovación impulsadas pola Xunta e especializadas no sector aeroespacial, a Business Factory Aero (BFAero), e na comercialización de solucións innovadoras fronte á pandemia, Connect19.

Aerocámaras foi seleccionada como unha das 19 iniciativas do sector aeroespacial incubadas ou aceleradas a través da BFAero nas súas tres edicións. En concreto, o seu proxecto Drone Velutina 2.0, que propón un sistema pioneiro para erradicar os niños de avespa velutina dun xeito rápido, seguro e eficaz, participou no programa de aceleración da segunda edición onde, ademais de recibir un apoio económico de 50.000 euros, obtivo asesoramento experto, acceso ás instalacións e equipos do Polo Aeroespacial de Galicia, espazos de coworking e formación.

Entre as vantaxes da solución deseñada por Aerocámaras, que xa se atopa no mercado, está a posibilidade de acceder a niños de avespas máis altos e inaccesibles, dun xeito máis económico, xa que supón un aforro de tempo e de custos ao non precisar montar infraestruturas nin empregar traxes especiais.

Así mesmo, a empresa dezana participou na aceleradora posta en marcha pola Xunta de Galicia para reducir o impacto social e económico da pandemia, Connect19. Neste marco, Aerocámaras desenvolveu o proxecto AeroCovid, un sistema de vixilancia aérea con drons que permite controlar o aforo e o distanciamento social en espazos urbanos, rurais e naturais baseándose nun algoritmo de Intelixencia Artificial.

Este sistema, que recibiu un apoio económico de preto de 18.000 euros para mellorar a súa comercialización e que xa está no mercado, permite transmitir o sinal en directo para poder controlar o aforo e o distanciamento social en tempo real desde calquera lugar do mundo, ten unha alta eficacia na medición e permite a anonimización dos usuarios gravados, asegurando a privacidade.

Entre os novos proxectos da empresa, que deron a coñecer hoxe ás representantes da Xunta de Galicia, atópanse drons de hidróxeno, transporte de persoas con aeronaves non tripuladas, inspeccións técnicas con drons, transporte de material de porto a barco ou unha plataforma de busca de talento centrada na industria dos vehículos non tripulados.

Polo Aeroespacial de Galicia

A directora de Gain explicou que o apoio a este sector se enmarca no Polo Aeroespacial de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta para mellorar a prestación dos servizos públicos mediante o uso de vehículos non tripulados e converter Galicia nun referente internacional neste sector.

No período 2015-2020 mobilizáronse a través desta iniciativa 164 millóns de euros de investimento público-privado, case 10 veces máis do inicialmente previsto; desenvolvéronse 59 proxectos de I+D; e 800 profesionais de toda España, fundamentalmente en Galicia, traballaron nela.

Actualmente, estase iniciando a fase de consolidación que abranguerá o período 2021-2025 e que se agarda teña un impacto relevante no desenvolvemento socioeconómico de Galicia, contribuíndo a equilibrar o crecemento económico das provincias do interior, a facer fronte aos retos de futuro como a transición ecolóxica e dixital e a posicionar Galicia como unha rexión de referencia en Europa no segmento dos drons.