A Xunta fomenta a participación de pemes galegas como Edafotec no programa marco de I+D+i da Unión Europea para impulsar a internacionalización do sistema galego de innovación

2020-11-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a peme viguesa Edafotec que está a desenvolver co apoio da Xunta un proxecto de innovación recoñecido co selo de excelencia da Comisión Europea
  • A enxeñaría ambiental conta tamén co apoio do Goberno galego para a contratación de persoal destinado a actividades de I+D+i a través dos programas Principia e Talento Sénior
  • A liña de axudas de Gain para o fomento da participación galega no programa marco de I+D+i da Unión Europea, dotada con 2,76 millóns de euros, permanece aberto ata o 30 de novembro

Vigo, 24 de novembro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá en Vigo a enxeñaría ambiental Edafotec. O obxectivo da visita era coñecer o proxecto de innovación que está a executar a empresa galega co apoio da Xunta de Galicia e que recibiu o selo de excelencia da Comisión Europea.

Patricia Argerey apuntou que resulta prioritario fomentar a participación galega no programa marco de I+D+i da Unión Europea, Horizonte 2020, especialmente a das pemes galegas, co obxectivo de impulsar a súa internacionalización e a do noso sistema galego de innovación. Para elo, a Xunta de Galicia conta cunha liña de axudas, posta en marcha en 2019 e dotada con 2,76 millóns de euros nesta convocatoria cofinanciada polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que persegue fomentar a participación das entidades galegas no programa Horizonte 2020.

Este programa, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 30 de novembro, conta con dúas modalidades de apoio: á preparación de propostas de calidade ao programa H2020 e ao financiamento de proxectos presentados á convocatoria europea Instrumento Peme, nas súas dúas fases, e o novo instrumento EIC-Accelerator Pilot, que obtiveran selo de excelencia pero que non acadaran financiamento.

Precisamente, Edafotec resultou beneficiaria nas dúas modalidades para a realización do proxecto BtoGsoils, unha iniciativa de innovación que ofrece unha tecnoloxía punteira baseada na combinación de solos artificiais a medida con bacterias locais e biochar para resolver problemas de contaminación de solos en áreas industriais. Esta solución, altamente competitiva por estar baseada na natureza, ser respectuosa co medio ambiente, ser duradeira e supor un aforro de custos, recibiu o selo de excelencia do Instrumento Peme fase 2 de H2020.

Así mesmo, Edafotec recibiu o apoio de Gain para a captación e retención de talento. En concreto, para a contratación de tres técnicos de I+D+i a través do programa Principia (convocatorias de 2017 e 2019) e dun técnico sénior a través do programa Talento Sénior (convocatoria 2020). Grazas a esta última liña, a empresa incorporou á súa directora científica.

Balance participación galega en H2020

As entidades galegas captaron preto de 156 millóns de euros do programa marco H2020 dende 2014, isto supón un aumento dos fondos captados polas entidades galegas no H2020 en relación co anterior programa marco do 79%. Esta mellora tamén se produciu en termos relativos, en relación coa porcentaxe de recursos captados por Galicia respecto do conxunto nacional, que ascendeu dun 2,6 a un 3%, así como no peso dos fondos captados polas entidades galegas respecto do conxunto da UE, pasando de representar un 0,21 a un 0,28%. Tamén destaca o incremento da porcentaxe de actividades lideradas por entidades galegas dun 25,4 a un 28% no actual programa marco.

En canto aos resultados da convocatoria de Gain de fomento da participación en H2020, en 2019 concedéronse a través desta convocatoria 1,1 millóns de euros dos que o 89% foron destinados a pemes e o 11% restante a organismos públicos de investigación.