A Xunta destaca o importante papel de Gradiant na dixitalización das pemes galegas

2020-11-13
  • Dende o pasado luns, Gradiant acolle a Virtual Demoweek, na que presentaron a preto de 200 persoas os últimos avances tecnolóxicos do centro en ámbitos como a ciberseguridade, a conectividade 5G, os UAV, a Industria 4.0 e a Intelixencia Artificial
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, clausurou hoxe o evento

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou hoxe na última sesión da Virtual Demoweek de Gradiant, un evento que amosou os últimos avances tecnolóxicos desenvolvidos polo centro tecnolóxico ao tecido produtivo. Durante unha semana, preto de 200 persoas de moi diversos sectores (TIC, alimentario, enxeñaría, madeira, drons, enerxías renovables, seguridade, infraestruturas, etc.) participaron nas sesións en liña centradas en ámbitos como a ciberseguridade, a conectividade 5G, os vehículos non tripulados (UAV), a Industria 4.0 e a Intelixencia Artificial.

Argerey destacou o relevante papel do centro tecnolóxico Gradiant no ecosistema galego de innovación, pola súa función de acompañamento ás pemes no ámbito da dixitalización. Subliñou ademais a importancia de celebrar “xornadas de portas abertas” deste tipo para transferir coñecemento e dar resposta ás necesidades do tecido produtivo. E, finalmente, apuntou que a transición dixital é un dos piares sobre os que se asenta o plan de recuperación europeo e cara onde se van orientar os novos fondos do instrumento Next Generation EU, para conseguir empresas máis fortes e resilientes, con capacidade para afrontar os retos de futuro e superar e saír reforzadas da crise provocada pola covid-19.

Argerey sinalou algúns proxectos nos que Gradiant está á vangarda da tecnoloxía, co apoio da Xunta de Galicia, como a Unidade Mixta de Investigación Irmas, no marco da que se ten creado o Centro de Ciberseguridade de Galicia, conxuntamente con Telefónica, e grazas á cal o centro tecnolóxico lidera actualmente a primeira e única Rede nacional de excelencia en tecnoloxías de seguridade e privacidade de España; a súa spin-off Alice Biometrics, que desenvolveu unha tecnoloxía de verificación de identidade online e acaba de pechar unha rolda de investimento de 1,5 millóns de euros que lle permitirá expandirse internacionalmente; e, no ámbito dos UAV, a participación de Gradiant no Polo Aeroespacial de Galicia co desenvolvemento de tecnoloxía que permita detectar tráfico aéreo a través de técnicas de visión.

Sesión centrada na Industria 4.0

A continuación desenvolveuse a última sesión da Virtual Demoweek, centrada nesta ocasión na Industria 4.0. Antía Fernández, codirectora de Sistemas Intelixentes do centro, presentou as solucións tecnolóxicas de conectividade, intelixencia e seguridade desenvolvidas por Gradiant para sectores como a alimentación, a automoción, a saúde ou a banca. Pola súa parte, Daniel García, responsable de industria de Gradiant, fixo unha demostración da solución Clever Planner, de Gradiant para dar resposta ás necesidades de planificación das ordes de produción a través do emprego dun motor de optimización que permite planificar a produción dun xeito sinxelo e fiable. Por último, a empresa Ledisson presentou a súa tecnoloxía IIoR, que permite mellorar a productividade mediante a monitorización de robots industriais.