A Xunta convoca unha nova liña de axudas por 3M€ para apoiar proxectos de investigación sobre a covid-19

2020-08-24
  • O programa financiará iniciativas que conseguiron avaliación positiva na convocatoria do Instituto de Salud Carlos III pero non obtiveron financiamento
  • O obxectivo é mellorar o tratamento da enfermidade, a súa diagnose e manexo clínico, así como contribuír ao deseño, desenvolvemento e implantación de medidas de saúde pública para responder de xeito eficaz á pandemia
  • Enmárcase nas medidas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para dar resposta á pandemia, como o apoio a solucións innovadoras, a nova aceleradora Connect-19 ou o hackaton virtual para axudar a adaptarse ao tecido empresarial galego á nova realidade celebrado en xuño
  • O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de setembro

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova liña de axudas posta en marcha pola Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para apoiar proxectos de investigación relacionados coa enfermidade da covid-19 e o desenvolvemento de fármacos e vacinas eficaces.

En concreto, esta convocatoria, dotada con 3 millóns de euros susceptibles de cofinanciamento a través de fondos Feder a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, está destinada a recuperar e apoiar aqueles proxectos de investigación galegos que se presentaron á convocatoria de expresións de interese do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade covid-19. A través desta convocatoria do ISCIII, que recibiu máis de 1400 expresións de interese, sete proxectos galegos recibiron fondos e preto doutra vintena foron avaliados favorablemente, sen obter financiamento. Agora, o programa da Xunta busca apoiar estes proxectos de alto nivel e calidade científica.

Os beneficiarios destas axudas serán organismos de investigación do Sistema Galego de I+D+i, públicos ou privados. Na selección das iniciativas, que se poderán desenvolver ata setembro de 2022, terase en conta a súa excelencia científico-técnica, a súa implementación e o seu impacto. A intensidade da axuda é do 100%, prevendo pagamentos anticipados de ata a totalidade da axuda en cada anualidade e o prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de setembro.

Investigación fronte á covid-19

A Xunta é consciente da importancia de fomentar a investigación de base sobre a enfermidade e o virus, tratando de anticiparse e desenvolvendo tratamentos e vacinas, así como medidas clínico-asistenciais que axuden a protexer a saúde das persoas e conter a propagación da enfermidade. Neste sentido, este programa de axudas busca contribuír a mellorar o tratamento da covid-19; mellorar a súa diagnose e o manexo clínico dos pacientes infectados polo coronavirus; e ao deseño, desenvolvemento e implantación de medidas de saúde pública para responder eficazmente á epidemia.

A liña de axudas enmárcase nas medidas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para dar resposta á crise sanitaria e que inclúe actuacións como o apoio a oito solucións innovadoras de pemes e universidades galegas transferibles ao sector da saúde, a industria e o comercio; a nova aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19, Connect-19, ou a celebración do primeiro hackaton virtual en xuño para desenvolver solucións innovadoras que axuden ao tecido empresarial galego a adaptarse á nova realidade.