A Xunta salienta o papel do deseño para lograr unha recuperación longa e duradeira

2020-06-29

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no III Encontro de Deseño para a Innovación en Galicia, que se desenvolve de xeito telemático. Na súa intervención, Conde salientou o papel do deseño para lograr unha recuperación longa e duradeira.

No encontro, que contou coa participación dos deseñadores Alberto Barreiro, Manuel Vázquez e Nuria Carballo, presentouse a publicación Futuros Posibles: Deseño para a Innovación na era poscovid, que conta con profesionais galegos de éxito nacional e internacional relacionados con todos os ámbitos do deseño.

Alberto Barreiro afirmou que unha das principais tarefas que temos ante esta situación marcada pola COVID-19 é aprender e comprometernos con esa aprendizaxe. Vencer a nostalxia e o medo e facer que primen a esperanza e a evolución. Volver atrás non é posible nin desexable, queremos aproveitar esta situación para activar a transformación. Unha economía da transformación, un estado da economía no que as empresas teñen a capacidade de establecer unha relación significante coa xente a través de obxectivos compartidos para construír un mundo mellor. O máis importante para as empresas é que o principal cambio é pasar dun modelo transaccional a un modelo relacional. A innovación deixa de apostar simplemente polo novo e aposta pola adaptación, con procesos de aprendizaxe que nos fan conscientes da interdependencia que temos cos demais e co medio. É fundamental un proceso de emancipación do deseño: repensar a idea de estratexia, para que sexa un esforzo colectivo capaz de nutrir en termos de valor sostible e duradeiro. Levar o deseño a uns niveis máis profundos, do táctico ao estratéxico e transformador.

Nuria Carballo apuntou varias tendencias no consumo que o deseño ten que contemplar. A primeira, a revolución do pracer: a xeración Z prefire os pequenos praceres ao éxito entendido no sentido convencional. Estes consumidores rexeitan os principios do capitalismo, buscan outro tipo de recompensas, un modelo de vida máis lixeira e relaxada. Isto marcará a fin da cultura dos influencers porque esta xeración non cre neste modelo. O deseño debe adaptarse para responder a un modelo de vida lento, introspectivo e máis alegre. A segunda, a dos estados ilustrados: a economía da experiencia estase transformando cara a un modelo que favorece o autodescubrimento das persoas, en detrimento do exhibicionismo e a superficialidade que fomentan as redes sociais. Os deseñadores teñen que buscar fórmulas para propiciar ese desenvolvemento persoal. En terceiro lugar, vencerán as marcas pospropósito: os consumidores detectan as marcas que usan os principios éticos como lavado de imaxe. O reto está en ser capaces de establecer relacións coas persoas, personalizando os servizos, cocreando co usuario e achegando significado. Nas empresas impoñeranse as estruturas para a innovación baseadas nos datos obtidos sobre os consumidores, con capacidade para reconducir as estratexias segundo o que se desprenda deles.

Segundo Manuel Vázquez, o deseño debe cuestionar os principios centrados no individuo: a sinxeleza, a inmediatez, a conveniencia e a personalización, que nos trasladaron unha idea de usuario ao que hai que poñerllo todo moi fácil, impaciente e individualista. Aparece unha nova concepción baseada nas necesidades colectivas: a sensibilidade, o sentido do tempo, a sustentabilidade e a socialización. Os novos consumidores non necesitan comprendelo todo, aprecian o tempo máis alá da inmediatez e están comprometidos co medio e co grupo. Os retos para o deseño ao servizo da innovación empresarial nesta nova era son: recuperar o valor da sensibilidade humana, pensar a longo prazo para ter máis impacto positivo, colaborar máis alá do económico e reconstruír a nosa rede de relacións para abrazar a diversidade.