A Xunta apoia o desenvolvemento de oito solucións innovadoras ante o covid-19 que promoven pemes e universidades galegas

2020-05-08
  • O Consello da Xunta autoriza destinar preto de 750.000 euros ao impulso de propostas innovadoras que poidan ser transferibles ao sector da saúde, industria ou comercio
  • Os proxectos teñen como obxectivo o desenvolvemento dun método rápido e sinxelo de detección molecular in situ de SARS-CoV-2; sistemas de desinfección e esterilización; a industrialización e posta no mercado de respiradores nun prazo moi curto de tempo; a xeración de cartografía de risco do COVID-19; ou un sistema de control de accesos a través da temperatura corporal
  • Seis dos proxectos serán desenvolvidos por pequenas e medianas empresas e dous polas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020.- O Consello da Xunta, na súa reunión desta mañá, aprobou impulsar o desenvolvemento de oito solucións innovadoras ante o COVID-19 que poidan ser transferibles ao sector da saúde, a industria ou o comercio. Destinaranse preto de 750.000 euros para colaborar na execución destes proxectos.

Os convenios de colaboración que se firmarán son o resultado da selección realizada por axentes externos especialistas na materia tras a chamada feita en marzo pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ao Sistema Galego de Innovación. Das 160 iniciativas recibidas, seleccionáronse as que encaixaban dentro de proxectos de innovación -as demais foron derivadas ao Comité de fabricación de equipamento sanitario creado pola Xunta, a outros departamentos ou reorientadas cara a convocatoria do Instituto de Salud Carlos III por tratarse de proxectos de investigación, non de innovación. Finalmente recibirán financiamento un total de oito propostas, as que máis se axustan tras recibir a mellor puntuación, logo de analizar cuestións como a viabilidade técnica e a súa posibilidade de chegar ao mercado.

Das oito iniciativas, seis son de pemes e dúas pertencen ao ámbito universitario. En concreto, AMSlab desenvolverá un proxecto para a rápida e sinxela detección molecular in situ do SARS-CoV-2, sen requirimento de instrumentación; Setga traballará en cabinas esterilizadoras; Bionix Supplychain Technologies aposta por un respirador de baixo custo industrializable a escala; mentres que Técnicas de Soft avanzará nun respirador autónomo reutilizable; Fentotek desenvolverá un ventilador invasivo con control de impulsión lineal; e Creativigo Consultores de Innovación traballará nun sistema de control de accesos por recoñecemento facial con captura da temperatura.

Por outra banda, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), xerará cartografía de risco do COVID-19 nos espazos urbanos e rurais da Comunidade co obxectivo de coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio, con que factores territoriais se relaciona e cales son os espazos clave de actuación para frear a propagación; e a Universidade de Vigo centrarase no desenvolvemento e validación de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para efectuar tarefas de desinfección.

Con esta actuación, a Xunta pretende dar unha oportunidade ao desenvolvemento de proxectos innovadores que poden contribuír a mellorar a diagnose e o manexo clínico de pacientes infectados polo coronavirus e deseñar medidas para responder de xeito eficaz a esta pandemia.

Teñen o seu complemento noutras medidas impulsadas pola Xunta co obxectivo de aproveitar as capacidades do tecido empresarial e dos centros de coñecemento de Galicia ante esta emerxencia sanitaria, como as enmarcadas dentro do Comité de fabricación de equipamento sanitario de Galicia – desde a plataforma MarketPlace ás axudas para a reorganización produtiva das empresas – e a consulta do Goberno galego, a través do Igape, para deseñar unha liña de axudas para apoiar a fabricación de produtos que sirvan para combater o COVID-19.