Educación e Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma

2020-04-29
  • Mellórase así de forma substancial a proposta estatal, dado que a extensión do contrato se vai aplicar a todos os investigadores, e non só aos de último ano, e o tempo de prórroga será maior
  • O obxectivo é que o traballo e formación dos investigadores non se vexan prexudicados pola crise derivada do Covid-19
  • A prórroga confirmóuselles hoxe aos vicerreitores de Investigación e ás direccións dos centros de investigación, en sendas xuntanzas nas que tamén se abordou a convocatoria de 2020 destes contratos

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), prorrogarán seis meses os contratos predoutorais e posdoutorais que destes organismos dependen e que están afectados polo Estado de Alarma. Así llo comunicaron esta mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a directora do GAIN, Patricia Argerey, aos vicerreitores de Investigación das tres universidades galegas e ás direccións dos centros de investigación afectados (o delegado institucional do CSIC en Galicia e directores dos centros do CSIC radicados en Galicia, os centros do IEO radicados en Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia e outros organismos públicos de investigación), en sendas reunións celebradas por videoconferencia.

Para facelo publicaranse as modificacións que sexan precisas das ordes que os regulan os restantes organismos de investigación procedan coa prórroga aos contratos que se poidan acoller a esta medida. Esta acción desenvolverase ao amparo de establecido polo RD 11/2020 do Goberno central que permite ampliar os prazos máximos das modalidades contractuais de investigadores por un período superior ao que fixa a Lei da Ciencia.

Os programas e convocatorias aos que afectará esta medida son os contratos predoutorais dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019, así como os posdoutorais dos anos 2017 (modalidade A), 2018 (modalidade A e B) e 2019 (modalidade A). En total, o número de persoas investigadoras beneficiadas ascende a 436.

A prórroga deberá ser aprobada polo Consello da Xunta, trámite que se desenvolverá nas vindeiras semanas. En calquera caso, cómpre sinalar que ata o 30 de xuño ningún investigador se ve afectado de xeito específico, dado que ningún remata o seu contrato antes desa data.

Mellora da proposta estatal

A prórroga que executará a Xunta de Galicia mellora de forma substancial a proposta estatal para os contratos de investigación que se xestionan desde o Goberno central. De feito, esténdese a prórroga a todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos, independentemente do ano de desenvolvemento da axuda no que se atopen.

Neste sentido cómpre sinalar que a Consellería de Educación e GAIN contan con contratos para investigadores predoutorais de tres anos de duración, e posdoutorais en dúas modalidades: A de tres anos de duración (2 anos de estadía no estranxeiro e un de retorno), e B (dous anos). No segundo ano do contrato, no caso dos predoutorais; e nos dous primeiros anos no caso dos posdoutorais modalidade A, os beneficiarios teñen a obriga de realizar estadías fóra de España. No resto de contratos e anualidades, tamén é moi usual facer desprazamentos e ter contactos habituais con investigadores e equipos internacionais.

Polo tanto, limitar a prórroga só aos investigadores do último ano de contrato podería supoñer un prexuízo para os demais. É innegable que as dificultades de mobilidade, xunto á imposibilidade de acceso a instalacións universitarias e científicas, provoca o incremento das dificultades (cando non a imposibilidade absoluta) para levar a bo termo os obxectivos finais das investigacións subvencionadas.

Pola súa banda o Goberno Central, segundo o Real Decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19 (BOE de 1 de abril), prorrogará os contratos cuxa duración máxima estea prevista que finalice durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, unha ampliación que realizará por unha extensión equivalente ao tempo de duración do estado de alarma e das súas prórrogas. De forma excepcional e por motivos xustificados, o Goberno central formula unha extensión dos contratos por ata tres meses adicionais ao tempo de duración do estado de alarma e as súas prórrogas.

Aínda que esta normativa non fai alusión aos contratos de investigación autonómicos, fíxose unha consulta xurídica sobre a posibilidade de que a Xunta tamén faga prórrogas e por un período superior. A resposta foi favorable, polo que se decidiu levar adiante a prórroga en beneficio dos investigadores estendéndoa ata 6 meses.

Convocatorias de 2020

No referido ás convocatorias de 2020, cando as circunstancias o permitan retomarase o procedemento e contratos predoutorais no punto no que foi interrompido. A sinatura dos contratos sitúase provisionalmente en setembro do 2020.

No caso da modalidade A dos contratos posdoutorais, dado que a súa finalidade principal é a formación do persoal investigador durante dous anos no estranxeiro, adíase a publicación da convocatoria ata que as circunstancias así o aconsellen e permitan definir os novos parámetros polos que terá de rexerse.

No caso da modalidade B dos contratos posdoutorais, de permitilo as circunstancias prevese realizar unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021.