A Xunta salienta o papel determinante que terá a biotecnoloxía galega na busca de tratamentos contra o COVID-19

2020-04-19
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes do Clúster Tecnolóxico-Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), aos que lles trasladou o compromiso de Galicia con este sector
  • Estudarase a inclusión na próxima Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico, que se prevé presentar en 2021, un apartado especial de solucións ao coronavirus

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión con representantes do Clúster Tecnolóxico-Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), un sector que, tal e como salientou, está gañando moito peso en Galicia e que, sen dúbida, vai ter un papel determinante na busca de tratamentos contra o Covid-19.

Segundo dixo, neste momento estanse avaliando os proxectos que se presentaron á convocatoria feita pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e que, dixo, “demostran a capacidade de liderado” das empresas galegas do sector, situadas á vangarda da I+D+i. Entre os exemplos de firmas que se están posicionando como referentes, mencionou por exemplo ao Grupo Zendal que, xunto á Universidade de Zaragoza, investiga unha posible vacina contra o Covid-19. É o caso tamén de Amslab, que traballa no desenvolvemento de test para diagnosticar o virus.

No encontro, Conde trasladoulles o compromiso da Xunta coa biotecnoloxía, e así, transmitiulles a intención de manter todos os programas de impulso ao sector. Apuntou que tamén cabería avaliar que a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico, que se vai presentar en 2021, inclúa un apartado especial de solucións ao coronavirus, posto que cómpre que o sistema sanitario e industrial estean preparados para posibles rebrotes.

Ademais, na xuntanza o conselleiro de Economía, Emprego e Industria comprometeuse, a petición do sector, a mediar ante o Ministerio de Facenda para que lles axilice o cobro do IVE que teñen pendente de devolución. Conde puxo como exemplo do que este sector representa na economía galega a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía, aprobada hai catro anos para mobilizar 200 millóns de euros neste eido, dos cales 125 millóns de euros son fondos públicos, o que supón máis do dobre de financiamento co que contaba este sector ata o de agora.

Nos últimos anos, Galicia foi unha das comunidades que máis incrementou o emprego neste ámbito, cunha suba dun 24%; e é a cuarta autonomía na que máis creceu o gasto das empresas en I+D biotecnolóxico. Ademais, desde 2014 sitúase entre as comunidades cun maior incremento no gasto interno en actividades biotech, cun incremento do 33%.