O Goberno galego activa 3 millóns de euros para apoiar ás pemes no desenvolvemento de proxectos innovadores e a fabricación inmediata de medios de protección ante o COVID-19

2020-04-08
  • Feijóo destaca que das 160 iniciativas innovadoras presentadas á chamada para producir material sanitario, preseleccionáronse 11 para, por exemplo: desenvolver láminas que poidan protexer diferentes superficies fronte ao virus; novos sistemas para respiradores ou sistemas de detección rápida do virus
  • O titular da Xunta resalta tamén a activación dun novo programa para impulsar a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta a activación de 3 millóns de euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores vinculados ao coronavirus, así como o impulso da fabricación inmediata de medios de protección, a través de axudas que faciliten ás pemes galegas a reorganizar a súa produción e axustarse ás necesidades do mercado.

No eido da innovación, Feijóo resaltou que en total presentáronse 160 iniciativas innovadoras para producir material sanitario, das cales se preseleccionaron 11 propostas que inclúen proxectos para desenvolver láminas que poidan protexer diferentes superficies fronte ao virus; novos sistemas para respiradores; sistemas de detección rápida do virus; máscaras capaces de filtrar o virus; ou iniciativas centradas na xeración de cartografía sobre o risco de contaxio por zonas, entre outras.

Estas iniciativas poderán solicitar o anticipo do 100% da axuda concedida. E, segundo os proxectos, haberá dous tipos de axudas: financiamento do 100% destes proxectos de innovación, cando a empresa beneficiaria cumpra o requisito de que as axudas que reciban polo concepto de minimis non superen os 200.000 euros, durante un período de tres exercicios fiscais (os dous anteriores e o actual). E unha segunda axuda para o resto de compañías, que obterán ata o 50% do custo do proxecto.

Cómpre salientar que, en total, a Administración autonómica destinará 500.000 euros.

Axudas para a reorganización produtiva urxente das pemes

Neste mesmo sentido, o Consello tamén aprobou hoxe un novo programa dotado con 2,5 millóns de euros para impulsar a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria.

Sobre este punto, Feijóo subliñou que, neste momento, xa hai empresas que entregaron: 30.000 pantallas de protección facial de Arlit Diseño e Impresión; 250.000 mandís protectores de Maniber; 12.000 batas do proxecto que coordina o Clúster Téxtil (Cointega); 20.000 batas impermeables de Gocotex e Ithaka/Xallas; EPIs recollidos por Ceaga; mascarillas FPP2 de Gabadi; ou respiradores de Bendix-Cinfo.

“En definitiva, as empresas galegas están traballando en téxtiles sanitarios, en kits, en consumibles de diagnose e en elementos para desinfección, e se está a crear unha economía produtiva desde o punto de vista social e tamén cun interese económico e de creación de emprego”, concluíu o presidente da Xunta.