A Xunta impulsa o traballo dos investigadores da Universidade de Vigo galardoados nos

2020-01-30
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con Yolanda Rodríguez Vaqueiro, científica que lidera o grupo galardoado nos Galileo Masters
  • Na reunión participou tamén o investigador Borja González, que forma parte do equipo, e a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, Consuelo Pérez
  • A iniciativa conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do programa Ignicia, que ten permitido crear ou manter en Galicia máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos de I+D que teñen resultados que poden chegar ao mercado

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá o traballo dos investigadores da Universidade de Vigo galardoados recentemente na categoría Idea of the year nos Galileo Masters, premios coñecidos como os Oscars do espazo que outorga a rede líder en navegación por satélite.

Conde reuniuse hoxe con Yolanda Rodríguez Vaqueiro, que lidera o grupo galardoado pola iniciativa CX Geodron, que se enmarca no proxecto Radio UAV. Neste proxecto participan 10 investigadores da Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Oviedo, e ten como obxectivo a creación dunha spin off para a explotación comercial de dous sistemas para medida e inspección baseados en sensores de radiofrecuencia embarcados en vehículos aéreos non tripulados.

No encontro, no que tamén participou a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, Consuelo Pérez, e o investigador Borja González Valdés, membro do equipo de Radio UAV, fíxose fincapé na necesidade de seguir impulsando a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao mercado, impulsando así a competitividade do tecido empresarial galego.

Participación na BFAero

Neste sentido, e tal e como se lembrou na reunión, Radio UAV conta co apoio do programa Ignicia da Xunta, que ten permitido crear ou manter máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a 18 proxectos de I+D que teñen resultados que poden chegar ao mercado, cun investimento de máis de 8 millóns de euros. Do mesmo xeito, o proxecto foi seleccionado para participar na modalidade de incubación da primeira edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), enmarcada no Polo Aeroespacial de Galicia.