A BFAero permite reter e atraer talento para desenvolver en Galicia un novo ecosistema de emprendemento aeroespacial

2019-12-13
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Lugo na xornada final de selección dos seis proxectos que entrarán a formar parte da segunda edición da Business Factory Aero
  • Resalta que das doce iniciativas que participan nas dúas convocatorias da aceleradora, nove teñen orixen en Galicia e tres en Madrid, Barcelona e Valencia
  • Recorda que, no marco do polo aeroespacial de Galicia, a próxima semana se inaugurará a torre de control do Ciar
  • Sinala que en torno ao aeródromo de Rozas se están desenvolvendo máis de 30 proxectos de I+D nos que están a participar 50 axentes, incluíndo empresas e centros tecnolóxicos

Lugo, 13 de decembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta mañá en Lugo, tras a xornada final de selección dos seis proxectos que entrarán a formar parte da segunda edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), que esta iniciativa permite reter e atraer talento cara a Lugo e cara a Galicia desenvolvendo así un novo ecosistema de emprendemento e de innovación en torno ao sector aeroespacial.

Neste sentido, dos seis novos proxectos escollidos, cinco deles proceden de empresas e startups galegas, e un ten a súa orixe en Barcelona. En total, das doce iniciativas que participan nas dúas edicións da aceleradora, nove teñen orixe en Galicia, e outros tres en Madrid, Barcelona e Valencia.

Conde fixo fincapé na calidade dos proxectos presentados, e sinalou que permitirán que desde Lugo e desde Galicia se sigan impulsando solucións innovadoras vinculadas aos vehículos non tripulados e ao sector aeronáutico. Lembrou que a BFAero se enmarca no polo aeroespacial de Galicia, recordando que a próxima semana se inaugurará a torre de control do Ciar, sinalando que en torno ao aeródromo de Rozas se están desenvolvendo máis de 30 proxectos de I+D nos que están a participar 50 axentes, incluíndo empresas e centros tecnolóxicos.

O conselleiro apuntou que arredor da Civil UAVs Initiative, e coa colaboración do Inta, dependente do Ministerio de Defensa, Indra, Babcock, e Boeing, ademais das tres universidades e outros axentes, se está conseguindo vertebrar un sector como o aeronáutico que ten un enorme futuro.

Selección de iniciativas

Tras as entrevistas persoais e presentacións a porta pechada ante o Comité Executivo de BFAero este xoves, hoxe os proxectos finalistas levaron a cabo un pequeno pitch de forma pública para dar a coñecer as súas iniciativas. Unha vez revisadas todas as propostas e tras a deliberación do Comité, logrouse o consenso sobre as propostas que formarán parte desta segunda edición.

Os seis proxectos vinculados ao sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados que formarán parte dos programas de incubación e aceleración son os seguintes:

En incubación

ALIVETOR, spin off de Gradiant (Pontevedra). Desenvolvemento dunha carga de pago radar para drons de peso reducido, capaz de penetrar en materiais como ladrillo ou cemento. Así, permitirá a procura de vítimas sepultadas baixo cascallos en escenarios como terremotos.

Contact-drone, spin off da Universidade de Vigo (Escola de Aeronáutica do Campus de Ourense). Desenvolvemento de cargas de pago para UAV que permitan establecer un contacto estable entre o vehículo aéreo e unha estrutura vertical. Esta carga de pago permitirá realizar tarefas de inspección non destrutiva baseada por exemplo en ultrasóns.

FREEdron, spin out de dúas empresas galegas; Cartogalicia SL (Santiago de Compostela) e Enxeñería INSITU (Lugo). Dispositivo de captura de datos xeoreferenciados, de carácter multisensor e capacidade para ser embarcado en multiplataforma, como solución hardware-software modular e completa que permita un control de captura de datos e integración/procesado básico.

En aceleración

IXO Carbon Composites, da empresa Carbon Composites SL (Pontevedra). Deseño e fabricación de estruturas aeronáuticas, reforzos e chasis para drons fabricadas en material composite ultraligero e resistente baseado en fibra de carbono.

Drone Velutina 2.0, de Eurodrones SL (Pontevedra). Detección, neutralización e destrución dos niños de vespa velutina a través de sistemas RPAs.

Venturi. Solucións integrais con avións VTOL, de Venturi Unmanned Tecchnologies SL (Barcelona). Solucións integrais de adquisición de datos mediante avións non tripulados para o sector enerxético e público (redes eléctricas, oleodutos, vixilancia marítima e control de incendios). Sistema de despegue e aterraxe vertical.

Apoio integral

Os resultados desta segunda edición, con 40 candidaturas e 17 finalistas, confirman o auxe e interese que esperta un sector tan específico como o da aeronáutica e os vehículos non tripulados. Os seis proxectos seleccionados hoxe sumaranse aos seis da primeira edición que están a lanzar as súas iniciativas desde hai uns meses nas instalacións da Fundación CEL.

BFAero ofrecerá a estes seis proxectos seleccionados un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración. Así, terán á súa disposición titorías e mentorización con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da Civil UAVs Initiative, oficina propia e espazos para realizar coworking e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais, poderán dispoñer de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.

BFAero é a aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico de Europa. Os proxectos admitidos na aceleradora dispoñerán do apoio económico da Xunta. En concreto, accederán a un financiamento de ata 100.000 euros a fondo perdido na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración. Adicionalmente, optarán a un financiamento en forma de préstamos de Indra (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración, préstamos convertibles e tecnoloxía a cambio de capital (Tech4Equity). Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros da Xunta a través de XesGalicia.

A Businnes Factory Aero acolle ás empresas seleccionadas nas súas instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo. BFAero é un proxecto de equipo. Aos membros da Xunta, que inclúen a Igape, XesGalicia e á Axencia Galega de Innovación (Gain), súmanse colaboradores de relevancia para garantir o éxito da iniciativa: empresas tractoras líderes de mercado no sector como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), pequenas e medianas empresas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, entidades como o Consorcio Aeronáutico Galicia e xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas.