A Xunta subliña que a biotecnoloxía é un dos piares da economía galega e da súa identidade industrial

2019-12-11
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no Galicia Bioday e asistiu á entrega dos Premios Bioga 2019
  • Pon en valor a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020 que xa leva conseguido unha facturación de 375M€, a creación de 356 novos empregos e 27 empresas
  • Ratifica a aposta por este sector nos orzamentos 2020 que contarán con partidas específicas para seguir desenvolvendo o Polo Biotecnolóxico de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe, no Galicia Bioday celebrado en Santiago de Compostela, que a biotecnoloxía converteuse, nos últimos anos, nun dos piares da nosa economía e unha parte máis da identidade industrial galega.

O conselleiro, que tamén asistiu á entrega dos Premios Bioga 2019, incidiu no protagonismo que alcanzou a biotecnoloxía no tecido industrial galego e destacou a súa contribución á diferenciación, ao reforzo das dinámicas de produción, ao estímulo da competitividade e modernización doutros sectores estratéxicos, así como á súa proxección internacional.

Conde puxo en valor os resultados alcanzados no marco da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020 que xa permitiu unha facturación de 375M€ —un 25% máis do previsto inicialmente-; a creación de 27 novas empresas e a xeración de 356 empregos (un 120% máis do propósito inicial). Para logralo emprendéronse un total de 40 accións orientadas á transferencia tecnolóxica ás empresas –coa formalización de 114 contratos-, ao fortalecemento e consolidación empresarial —captáronse máis de 80M€ de fondos europeos e nacionais- e a atracción de novas empresas tractoras —a través das Unidades Mixtas de Investigación e a Compra Pública Innovadora-.

Na súa intervención, Conde lembrou a aposta galega pola biotecnoloxía que se materializa en proxectos como a incubadora BioIncubatech que pechou a primeira convocatoria con 30 propostas; ou o hub de innovación dixital liderado por Bioga e que se centrará en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde ou o eido do mar-industria.

Avanzou que este compromiso continuará o vindeiro ano, cuns orzamentos que impulsarán o Polo Biotecnolóxico de Galicia a través de iniciativas como a nova aceleradora no descubrimento de fármacos, a Business Factory Pharma.