A Xunta oferta dous cursos de capacitación de persoal investigador e xestor en transferencia de coñecemento

2019-11-27
  • Estas dúas iniciativas, en colaboración coa Fundación Barrié, celebraranse en Santiago no mes de decembro e inscríbense no programa Ignicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria
  • O obxectivo é poñer en valor os resultados da investigación e favorecer o seu aproveitamento por parte do tecido empresarial

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Fundación Barrié, organiza dous cursos de capacitación en transferencia de coñecemento, un dirixido a persoal investigador e outro a persoal xestor de transferencia. Estes cursos, que se inscriben no programa Ignicia, teñen como obxectivo impulsar a transferencia de coñecemento como panca dos procesos de innovación a través, entre outras, de actuacións que fortalezan as capacidades das estruturas de transferencia das institucións galegas, proporcionando adestramento e capacitación ao seu persoal de xestión, así como contribuír ao desenvolvemento profesional do persoal investigador das entidades do Sistema galego de I+D+i a través da mellora das súas competencias profesionais para a transferencia.

Con este obxectivo, a Axencia Galega de Innovación organiza o vindeiro mes de decembro dous cursos: “GRADschool en Transferencia e Emprendemento” dirixido a persoal investigador e o primeiro curso do “Programa de Acreditación RTTP 2019 – 2021 para Xestores de Transferencia” dirixido a xestores de transferencia.

O GRADschool, que se celebrará entre o 2 e o 5 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia, é un curso de formación práctica para que os investigadores posdoutorais, en particular aqueles cun mínimo de 2-3 anos de experiencia posdoutoral, adquiran competencias transversais para a transferencia de tecnoloxía e comercialización co obxectivo de avanzar cara un cambio de cultura na carreira investigadora e estimular o achegamento do persoal investigador a actividades de transferencia e emprendemento.

Os GRADschools son un programa de referencia no Reino Unido na formación e no desenvolvemento dos investigadores, que se iniciaron hai 40 anos e que constitúen a base para o desenvolvemento de programas de formación para a empregabilidade e a transferencia de investigadores en universidades e centros de investigación de primeiro nivel nese país. Nestes cursos adéstranse as competencias necesarias que permitan a este persoal investigador facerse cargo do resultado das súas propias investigacións mediante a transferencia a empresas, institucións, ou a través da xeración de emprendemento de base tecnolóxica.

O curso, cun límite de 50 prazas, será impartido por un equipo de titores da consultora británica Crac Vitae, cunha sólida experiencia práctica de traballo en equipo e formación. O prazo de presentación de solicitudes remata mañá xoves, 28 de novembro, ás 20:00 horas.

Programa de acreditación para xestores de transferencia

O programa de acreditación Registered Technology Transfer Professional (RTTP) para xestores de transferencia do Sistema Galego de Innovación inclúe accións formativas durante o trienio 2019-2021 co obxectivo de impulsar o desenvolvemento profesional dos xestores de transferencia de coñecemento a través da formación internacional especializada e do acceso a metodoloxías de traballo aplicables en procesos de valorización e comercialización de resultados de I+D+i.

O Programa de acreditación RTTP 2019-2021 facilita a obtención da acreditación Registered Technology Transfer Professional de ATTP – Alliance of Technology Transfer Professionals. Esta certificación emitida por ATTP é o estándar internacional para acreditar a competencia e experiencia daqueles profesionais que desenvolven a súa carreira no ámbito da transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Para facilitar a súa obtención por parte de xestores de transferencia do Sistema Galego de Innovación, organizaranse accións formativas, proporcionarase mentorización para a preparación do dossier acreditativo esixido pola entidade acreditadora e financiarase o custo da acreditación.

O primeiro curso deste ciclo formativo, “Transferencia de Tecnoloxía: da teoría á práctica”, celebrarase do 9 ao 13 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela en dúas modalidades separadas, júnior e sénior, en función da experiencia previa dos xestores. Será impartido por titores de Oxentia, spinoff da Universidade de Oxford e o prazo de inscrición remata o 5 de decembro ás 20:00h. O número de prazas está limitado a 25 por modalidade (júnior e sénior), 50 en total, e priorizaranse as solicitudes de candidatos que xa acrediten puntos RTTP.

Ambos cursos serán impartidos en inglés, polo que será necesario acreditar coñecemento do idioma para o seu correcto aproveitamento.

Estas actuacións desenvólvense no marco do convenio de colaboración entre a Xunta e a Fundación Barrié para reforzar a súa colaboración para impulsar a transferencia do coñecemento ao mercado, poñendo en valor os resultados da investigación e favorecendo o seu aproveitamento por parte do tecido empresarial, o que redundará no desenvolvemento económico e social de Galicia. Este convenio conta cunha dotación orzamentaria de máis de 1,1 millóns de euros, dos cales a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), achega 900.000 euros.