A Xunta expón a súa experiencia en compra pública de innovación no II Foro Iberoamericano de CPI en Colombia

2019-11-26
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interviu no acto inaugural e presentará o Polo Aeroespacial de Galicia e a aceleradora BFAero
  • Galicia é líder e pioneira en España nesta modalidade de contratación innovadora que permite ofrecer unha prestación máis eficaz e eficiente dos servizos públicos á cidadanía

Medellín (Colombia), 26 de novembro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe na inauguración da segunda edición do Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta que se celebra en Medellín (Colombia) ata o xoves 28 de novembro. Argerey agradeceu a Ruta N, centro de innovación e negocios de Medellín, así como ao Banco Interamericano de Desarrollo (BID) que teñan tomado o relevo coa celebración desta segunda edición do Foro e confesou que ten depositadas moitas expectativas nel, na medida en que permitirá unha colaboracion máis estreita en materia de innovacion entre España e Lationoamérica. Así mesmo, expresou o seu desexo de que esta cita se consolide e teña continuidade para seguir intercambiando coñecemento e experiencias.

Argerey felicitou ás entidades organizadoras do encontro a aposta que están a facer pola innovación pública e a Compra Pública de Innovación tanto a nivel de país como de cidade. En 2018 Santiago de Compostela acolleu o primeiro Foro, no que se reuniron preto de 200 expertos de administracións públicas, empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento procedentes de Chile, Colombia, Ecuador, España, México, Perú e Uruguai. A primeira edición serviu, en palabras da directora de Gain, para “aprender e compartir experiencias, xerar un maior interese arredor do instrumento da Compra Pública de Innovación, un maior coñecemento sobre as súas aplicacións e impacto e plantar a semente nun grupo de persoas comprometidas coa súa implantación en diferentes países, rexións e cidades”.

Patricia Argerey lembrou que esta iniciativa xurdiu no marco da aposta da Xunta pola Compra Pública de Innovación, que lle ten valido acadar o Premio Nacional de Innovación nesta modalidade en dúas ocasións. De feito, Galicia é unha rexión líder e pioneira na implantación deste instrumento novidoso de contratación pública en España que permite fomentar a innovación desde a demanda co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores, así como impulsar a internacionalización da innovación empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.

Ademais de realizar dúas convocatorias, en coordinación co Goberno de España, para apoiar proxectos de CPI das administracións públicas galegas, cofinanciadas por fondos FEDER, a Xunta ten impulsado proxectos de CPI tamén con fondos propios así como a posta en marcha do programa integral de impulso á CPI “Innpulsa CPI” co obxectivo de desenvolver accións estratéxicas que consoliden a Galicia como rexión pioneira no uso deste instrumento, formar ao persoal ao servizo das Administracións e promover produtos e servizos innovadores nas empresas e centros de investigación, incrementando así a súa competitividade e capacidade de chegar a novos mercados. Dentro deste programa atópase o Premio aos Empregados Públicos Innovadores, cuxos gañadores asisten a este Foro en Colombia e visitarán o mércores o laboratorio de innovación Ruta N, como parte do premio recibido.

Presentación da BFAero e da Civil UAVs Initiative

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentará tamén esta tarde a aceleradora de innovación do sector aeroespacial posta en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración cos seus socios estratéxicos Indra e Babcock, a BFAero, como exemplo de aceleradora pública que contribúe á xeración de capacidades na oferta tecnolóxica. Esta incubadora/aceleradora enmárcase no Programa de Emprendemento da Civil UAVs Initiative que, á súa vez, foi promovida a través de CPI. A BFAero ten previsto tres convocatorias que van mobilizar 4,75 millóns de euros ata fins de 2021, dando soporte a 18 empresas.

Pola súa banda, o xoves a directora de Gain presentará a Civil UAVs Initiative, a iniciativa para desenvolver un Polo Aeroespacial en Galicia, como caso de éxito de CPI nunha sesión sobre o sector do transporte e infraestruturas. O polo aeroespacial de Galicia, impulsado pola Xunta coa colaboración de socios estratéxicos como Indra, Babcock e ao que se vén de sumar Boeing, conta cun investimento público-privado de 164M€ e no que se están desenvolvendo mais de 35 proxectos de I+D. Tamén o director de innovación de Babcock, José Luís Sáiz, e o xerente do centro tecnolóxico Gradiant, Fernando Jiménez, achegarán a súa experiencia nun panel sobre servizos de apoio para activar a participación dos provedores de servizos tecnolóxicos nas licitacións a través de CPI este mércores.

Tamén participarán no Foro a Axencia de Coñecemento en Saúde do Sergas (ACIS) e a CRTVG.