A Xunta destaca o compromiso de Gradiant coa investigación e a innovación responsable

2019-10-30
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, inaugurou esta mañá unha xornada de portas abertas do centro tecnolóxico centrada nas tecnoloxías de conectividade, intelixencia e seguridade e a súa aplicación á contorna industrial
  • Argerey subliña o compromiso do centro coa transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo e a aplicación das TIC na mellora da calidade de vida das persoas

Vigo, 30 de outubro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración do Open Demoday da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), unha xornada de portas abertas centrada nas tecnoloxías da conectividade, intelixencia e seguridade e a súa aplicación á contorna industrial. O obxectivo da sesión era achegarse ao tecido empresarial para afondar na incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) aos procesos e produtos que desenvolven as empresas.

Argerey destacou o compromiso do centro tecnolóxico Gradiant coa transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao tecido produtivo e a aplicación das TIC ao desenvolvemento económico e ao benestar social, en liña co concepto da Investigación e Innovación Responsable (RRI polas súa siglas en inglés), un dos principios xerais que guía as políticas europeas de I+D+i, que promove unha investigación e tecnoloxía cuxo impacto vaia máis alá da busca duns resultados económicos e da excelencia científico-tecnolóxica.

Neste senso, a directora de Gain subliñou algúns exemplos de proxectos de I+D+i nos que o centro tecnolóxico galego aproveita o seu talento e coñecemento para poñelo ao servizo da sociedade e do sector empresarial, como o centro de ciberseguridade Tegra, promovido por Telefónica e Gradiant par desenvolver produtos e servizos que melloren a ciberseguridade das empresas; a Unidade Mixta de Investigación en eSaúde, en colaboración con Everis, para o desenvolvemento de solucións que contribúan a un empoderamento dos pacientes, a mellora da prestación asistencial e o aumento da satisfacción do usuario; ou a Unidade Mixta Smart Lifelong Learning, en colaboración coa empresa Netex, no marco da que se teñen desenvolto solucións para un modelo de aprendizaxe intelixente ao longo de toda a vida, aplicable tanto en entornos corporativos como educativos.

A directora de Gain tamén destacou a primeira spin-off do centro, que se presentou hoxe, e que naceu do apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia. Esta empresa, Alice Biometrics, ofrece unha tecnoloxía de recoñecemento facial que permite verificar a identidade dos clientes de xeito totalmente en liña.

Colaboración centros tecnolóxicos-empresas

Argerey agradeceu a Gradiant a realización deste tipo de xornadas, que permiten informar ao tecido produtivo e á sociedade en xeral sobre os avances e tecnoloxías desenvoltas polo centro e promover colaboracións. Neste senso, apuntou que a Xunta de Galicia está convencida do potencial dos centros tecnolóxicos galegos e do seu papel como socios tecnolóxicos das empresas, en especial das pemes e instou aos participantes a establecer colaboracións no ámbito da I+D+i como garantía para acadar un maior impacto dos seus proxectos.