A Xunta destaca en Pontevedra a aposta de Krack Zapaterías por asentar o seu crecemento na innovación e na dixitalización

2019-10-23
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Pontevedra a sede da compañía, que emprega a 200 persoas e factura 20 millóns de euros ao ano
  • Subliña a importancia de traballar por unha Galicia máis innovadora e máis competitiva, apoiando ao tecido empresarial, especialmente ás pemes, na creación de emprego de calidade na Comunidade
  • Krack combina a tenda física coa presenza en liña, ao tempo que ofrece produtos de calidade e diferenciados, unha filosofía que se impulsa no comercio de proximidade a través da iniciativa autonómica Comercio 360

Pontevedra, 23 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Pontevedra a sede de Krack Zapaterías, unha compañía que en pouco máis de dúas décadas de traxectoria alcanzou un volume de facturación de arredor de 20 millóns de euros e que emprega a 200 persoas. O conselleiro apuntou que a empresa é un claro exemplo de como a innovación e a transformación dixital son pancas de cambio que as pemes galegas deben aproveitar para mellorar a súa competitividade e fortalecer a súa posición nun mercado cada vez máis global.

Krack combina a tenda física coa presenza en liña, ofrecendo un produto de calidade e diferenciado, unha filosofía que desde a Xunta se está a impulsar a través da iniciativa Comercio 360. Conde sinalou que o crecemento da compañía é un exemplo da importancia de traballar por unha Galicia máis innovadora e máis competitiva, apoiando ao tecido empresarial, especialmente ás pemes, na creación de emprego de calidade na Comunidade.

Así, a través da Axenda Industria 4.0, a Xunta segue afondando no impulso á xeración dun novo tecido empresarial competitivo na economía global e conectada. Para iso destínanse 350 millóns de euros ata 2022, co obxectivo de facilitar a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns de euros.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria fixo fincapé en que para desenvolver a súa estratexia de crecemento Krack apoiouse nas novas tecnoloxías para a mellora constante dos seus procesos e para ser competitivos neste sector e a nivel internacional. A través do programa Innova Peme da Xunta, están a desenvolver un plan de innovación que permite afondar na modernización da loxística da empresa en todas as fases, desde a recepción e expedición de mercancía á xestión de datos, a través de solucións de big data; e que avanza na innovación organizativa, non só mellorando a organización do traballo senón tamén creando un novo departamento de I+D.

Ademais, trátase dun plan de innovación no que contarán coa colaboración de varias empresas e co centro tecnolóxico Gradiant, ademais da Xunta, impulsando así a cooperación público-privada e cos centros de coñecemento. Tamén participan no programa de apoio á dixitalización Industria 4.0 do Igape, cun proxecto que lles permite unificar e mellorar os sistemas de xestión. Krack emprega tecnoloxías facilitadoras para automatizar os procesos loxísticos da empresa, mellorando a súa eficiencia e reducindo custos, así como o tempo e os erros na xestión de pedidos, e obtendo máis e mellor información para a axuda na toma de decisións.