A Xunta destaca a innovación en novos materiais como un eido de alto potencial industrial para Galicia

2019-10-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Culleredo nunha xornada do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) centrada na compra pública innovadora
  • Lembra que, no marco do Programa de deseño para a Innovación 2020, se creou recentemente a Materioteca de Galicia como punto de referencia e de difusión do traballo en novos materiais na Comunidade
  • Subliña que a compra pública innovadora permite dotar á cidadanía duns servizos públicos máis eficaces e eficientes, ao tempo que se maximiza a rendibilización do investimento público en I+D+i

Culleredo (A Coruña), 3 de outubro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, salientou hoxe na súa intervención nunha xornada no Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), situado en Culleredo, a innovación en novos materiais como un eido de alto potencial industrial para Galicia.

No encontro, centrado na compra pública innovadora e a compra pública precomercial como unha ferramenta de innovación no sector da construción, Argerey sinalou que a introdución de novos materiais ou materiais avanzados está recoñecida no marco da política industrial europea como unha tecnoloxía facilitadora esencial, polo que ten un papel moi relevante nas políticas de innovación estatais e autonómicas. Así, a directora de Gain sinalou que tanto a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como a Axenda Industria 4.0 destacan os novos materiais como un campo de coñecemento emerxente e de alto potencial industrial.

Patricia Argerey lembrou que, no marco do Programa de deseño para a Innovación 2020, se creou recentemente a Materioteca de Galicia, co obxectivo de que sexa un punto de referencia para todos os profesionais galegos que investigan, innovan e deseñan na órbita dos novos materiais, e un foco de difusión da tecnoloxía de materiais con orixe en Galicia, apoiando así a súa proxección internacional.

Por outra banda, a directora da Axencia Galega de Innovación recordou que a Xunta ten en marcha o programa Innpulsa CPI, que se centra en estender o coñecemento e o uso desta modalidade de contratación pública, que, tal e como salientou a directora de Gain, permite dotar á cidadanía duns servizos públicos máis eficaces e eficientes, ao tempo que se maximiza a rendibilización do investimento público en innovación e se proporciona ás empresas unha vía de saída ao mercado para as súas innovacións. Do mesmo xeito, tamén facilita que os centros de coñecemento diversifiquen as súas canles para a transferencia dos resultados da I+D+i.