A segunda convocatoria da aceleradora BFAero seleccionará seis novos proxectos innovadores para seguir impulsando o sector aeronáutico

2019-10-02
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Lugo nunha xornada sobre a nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 15 de novembro
  • Enmarcada no polo aeroespacial de Galicia, trátase da aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico por proxecto de Europa
  • Ademais do apoio económico, os seleccionados teñen á súa disposición asesoramento e formación especializada, ademais de espazos de traballo

Lugo, 2 de outubro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Lugo nunha xornada sobre a segunda convocatoria da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), que se desenvolve no marco do polo aeroespacial de Galicia. Tal e como se informou hoxe, o prazo de presentación de iniciativas estará aberto ata o próximo 15 de novembro ás 14.00 horas, e o obxectivo é seleccionar seis novos proxectos innovadores con drons e vehículos non tripulados, tres para a fase de incubación e tres para a de aceleración, que se sumarán ás seis startups que xa están a desenvolver os seus proxectos e plans de negocio.

Na súa intervención, Patricia Argerey sinalou que a BFAero non só forma parte da Civil UAVs Initiative (CUI), senón que se enmarca tamén na plataforma StartIN Galicia, a través da cal se aposta polo emprendemento innovador en sectores clave para o crecemento económico e a competitividade de Galicia. No acto, ademais da Xunta, participaron representantes da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) e as multinacionais Indra e Babcock, todas elas entidades que apoian e impulsan o desenvolvemento de novas compañías e ideas innovadoras a través de BFAero.

As empresas e startups do sector aeronáutico de toda España que teñan unha idea innovadora para o uso de vehículos non tripulados (aéreos e mariños) poden presentarse a este programa, que conta cun importante apoio de entidades públicas e empresas multinacionais de referencia como Indra e Babcock.

Así, BFAero ofrece aos seus proxectos acelerados un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración. Os seleccionados teñen á súa disposición titorías e mentorización con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI, oficina propia e espazos para realizar coworking e recibir unha completa formación en todos os aspectos que atinxan á súa idea de negocio. Os proxectos contan con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais, poderán dispoñer de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.

Apoio económico

BFAero é a aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico por proxecto de Europa. Os proxectos admitidos na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta. En concreto, accederán a un financiamento de ata 100.000 euros na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración. Adicionalmente, optarán a un financiamento en forma de préstamos de INDRA (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de Xesgalicia.

A Business Factory Aero, impulsada pola Xunta de Galicia, acolle ás empresas nas súas instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo. Á Xunta súmanse colaboradores de relevancia para garantir o éxito da iniciativa: empresas tractoras líderes de mercado no sector como Indra ou Babcock, pequenas e medianas empresas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, entidades colaboradoras como CTAG ou o Consorcio Aeronáutico de Galicia e xeradores de coñecemento como as 3 universidades galegas.