A Xunta chama a apostar pola transformación e a innovación para abrir novos mercados internacionais no sector lácteo

2019-10-01
  • Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o do Medio Rural, José González, visitaron hoxe as instalacións da compañía Eurosérum Ibérica en Monforte de Lemos
  • Conde remarcou a importancia da cooperación entre sectores para garantir o crecemento, e sinalou a relevancia de China como socio estratéxico
  • González destacou que calquera investimento que supoña valor engadido e transformación é unha moi boa noticia para o sector lácteo galego, dentro dunha aposta xeral pola calidade e a internacionalización

Monforte de Lemos (Lugo), 1 de outubro de 2019.- Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o do Medio Rural, José González, visitaron hoxe as instalacións da compañía Eurosérum Ibérica, pertencente ao conglomerado chinés Bei’An YeePer Daily Co Ltd. Conde salientou a necesidade de incentivar novos produtos e abrir novos mercados para a produción galega. A este respecto, subliñou a responsabilidade dos diversos sectores produtivos e axentes protagonistas de cada eido de colaborar no fortalecemento da súa actividade conxunta.

“Debemos apostar pola transformación e, ao mesmo tempo, pola innovación e polos novos mercados: é o que permitirá capacitarnos para atraer novos investimentos”, sinalou Conde.

Deste xeito, o titular de Economía, Emprego e Industria eloxiou o proxecto de posicionamento internacional levado a cabo por Eurosérum Ibérica na posta en marcha dunha estratexia de globalización, particularmente cinguida a China. A este respecto, Conde destacou a oportunidade que representa para Galicia o mercado chinés, chamando a robustecer os lazos comerciais co xigante asiático, considerado socio estratéxico, buscando sinerxías que redunden nun beneficio mutuo e que permitan traballar con planificación, avalando así o selo de Galicia Calidade.

Así, Conde remarcou o labor levado a cabo en Monforte de Lemos, cunha aposta clara polos sectores produtivos do territorio (principalmente os sectores vitivinícola e lácteo, ademais da industria forestal), e chamando a unha mellora da formación como resposta ás esixencias do mercado.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que a Xunta defende a transformación do leite para darlle maior valor engadido. Tamén, para favorecer a internacionalización do sector, como fórmula para mellorar a súa presenza nos diferentes mercados.

Ao respecto, sinalou que “calquera aposta que se faga por Galicia, polo seu sector gandeiro e con investimento que supoña valor engadido e transformación é unha moi boa noticia”. Isto supón, ademais, “recoller leite galego e con ela elaborar produtos de primeira calidade que se exporten a calquera parte do mundo, principalmente neste caso a China.

Con respecto ao compromiso do Goberno galego con este sector, José González remarcou a importancia que ten a Estratexia de dinamización impulsada pola Xunta de acordo con todos os axentes implicados.

O titular de Medio Rural trasladou o apoio da Xunta ao sector, a través de liñas como as orientadas ás explotacións agrícolas, para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Un respaldo que tamén se plasma en fitos como a creación da marca Galega 100%, a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada.