Conde pon en valor a aposta da Xunta pola industria aeroespacial galega para impulsar a súa internacionalización

2019-06-25
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na inauguración do III Foro Aeroespacial Chile-España, no que se avaliaron as perspectivas de futuro e os desafíos no eido do regulamento
  • Destaca que Galicia logrou converter os vehículos aéreos non tripulados nun sector estratéxico grazas á colaboración da Administración coa industria
  • Indica que esta suma de capacidades e a aposta por crear un verdadeiro ecosistema da aeronáutica deron como resultado o Polo Aeroespacial de Galicia, no que se están desenvolvendo máis de 35 proxectos de I+D+i e xerando, na actualidade, máis de 400 empregos

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor en Santiago de Compostela na inauguración do III Foro Aeroespacial Chile-España a aposta da Xunta por esta industria. O obxectivo de este encontro, que se celebra hoxe e mañá, é poder coñecer as últimas novidades en torno ao sector, os casos de éxito e avaliar as súas perspectivas de desenvolvemento e os desafíos regulatorios.

Conde destacou que o obxectivo da Xunta é internacionalizar a Marca Galicia dando a coñecer ao exterior os resultados tecnolóxicos que se están a obter na Comunidade galega. Así, a industria aeroespacial está a crear moitas oportunidades xerando só en España un volume de negocio de 1200M€ e 11.000 empregos.

O titular de Economía lembrou que fai cinco anos a Xunta decidía apostar por este sector e co apoio de toda a industria acadouse converter os vehículos aéreos non tripulados nun sector estratéxico para o desenvolvemento e o crecemento de Galicia. Así, esta colaboración fixo posible que empresas tractores líderes mostraran o seu interese pola Comunidade galega, como Indra —promotora deste foro-, Babcock e Boeing.

Sinalou, ao respecto, que esta suma de capacidades (empresas líderes, pemes galegas con experiencia, entidades colaboradoras como o CTAG, as universidades e as administracións) deu como resultado o Polo Aeroespacial de Galicia que cinco anos despois conta cun investimento programado de 164M€ (a metade xa está en execución); a implicación de 50 axentes entre administracións, empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento; o desenvolvemento de máis de 35 proxectos de I+D+i, emprendemento e infraestruturas; e a creación de máis de 400 empregos creados coa previsión de chegar a preto de 500 directos.

A través deste Polo puxéronse en marcha cinco programas ao que se sumará proximamente un sexto dirixido ás vocacións científicos-tecnolóxicas. Os cinco programas postos en marcha son: o de I+D con socios estratéxicos como Indra e Babcock; o de solucións para contar con tecnoloxías innovadoras que ofrezan mellores servizos públicos e que xa conta con 10 licitacións resoltas; o de infraestruturas a través do que se impulsou o crecemento do aeródromo de Rozas e o centro de investigación, así como o parque industrial que na actualidade está en fase de construción; o programa científico desenvolvido por Inta; e, por último, o de emprendemento e talento a través da BFAero, que conta cos cinco primeiros proxectos en marcha na primeira das tres convocatorias previstas desta aceleradora.

O titular de Economía explicou, así mesmo, que algúns dos proxectos postos en marcha darán un salto definitivo nos próximos meses como a aeronave Targus —mañá haberá unha demostración no Centro de Investigación Aeroespacial de Rozas (CIAR)- ou o dispositivo para a localización de persoas desaparecidas (Lifeseeker).

Para rematar, Conde agradeceu aos organizadores do foro que contaran por primeira vez con Galicia para desenvolver a xornada (ata o de agora facíase en Barcelona) e desexo que Galicia e Chile poidan converterse en aliados de primeiro nivel no ámbito aeroespacial.