A Xunta reforza o seu compromiso coa I+D+i e incrementa o seu apoio económico aos centros do CSIC ata os 480.000 euros

2019-06-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Pontevedra unha xuntanza co delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron Pedreira, e representantes dos seus centros en Galicia
  • Na reunión avaliáronse os resultados dos programas que está a desenvolver a Axencia Galega de Innovación (Gain), como o Oportunius ou Talento Sénior
  • Conde pon en valor a aposta do Goberno galego polo modelo de colaboración público-privado para mellorar a prestación de servizos desde a Administración a través dos Hubs de Innovación Dixital

Pontevedra, 14 de xuño de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe en Pontevedra que a Xunta reforzará o seu compromiso coa investigación incrementando ata os 480.000 euros o seu apoio económico aos centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O obxectivo é poder posicionar a Galicia como un espazo referente no ámbito da investigación.

Conde trasladou esta iniciativa na xuntanza que mantivo co delegado do CSIC en Galicia, Antonio de Ron Pedreira, e representantes de seis centros galegos: a Misión Biolóxica de Galicia; o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; o Instituto de Investigacións Mariñas; o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia; o Instituto de Ciencias do Patrimonio; e a Sede Atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña, así como o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Na xuntanza, o conselleiro presentou as prioridades da Xunta en materia de I+D+i e destacou a importancia de seguir mantendo un diálogo constante co sector para avanzar na mellora da innovación na Comunidade galega.

Así mesmo, avaliáronse os resultados dos programas que está a executar a Axencia Galega de Innovación (Gain) como son, entre outros, o Oportunius e Talento Sénior. No primeiro caso, o programa Oportunius, co que teñen colaborado centros do CSIC, xera oportunidades para investigadores excelentes que queiran desenvolver a súa carreira científica en Galicia, reforzando as súas opcións de acceso e os beneficios asociados ás axudas do Consello Europeo de Investigación.

Desde 2014, máis dun cento de investigadores se formaron a través desta iniciativa en Galicia, sete acadaron unha axuda ERC e 14 foron finalistas que lograron superar as primeiras fases de avaliación das convocatorias, sendo o nivel de esixencia do ERC moi elevado, o que vén a confirmar o nivel de excelencia do persoal investigador galego.

Pola súa banda, a Administración autonómica tamén leva a cabo o programa Talento Sénior para impulsar a contratación de persoal de alta cualificación para desenvolver actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos e privados non universitarios. O prazo de solicitude da segunda edición desta iniciativa está aberto na actualidade ata o próximo 11 de agosto. A iniciativa está dotada cun orzamento ampliable de 960.000 euros, co que se prevé apoiar a contratación de 14 profesionais, con máis de cinco anos de experiencia, no ámbito da I+D+i.

En palabras de Conde, o que se pretende con esta actuación é estimular a demanda de profesionais de alta cualificación nas empresas e centros de coñecemento, así como atraer e reter talento en Galicia. A edición de 2018 deste programa permitiu a contratación de 10 profesionais de alta cualificación —sete en empresas e tres en centros tecnolóxicos- que desempeñan actividades de I+D+i en sectores como as TIC, a automoción, o aeronáutico, a Industria 4.0, o lácteo, a pesca ou os servizos de enxeñaría.

Ambos dous programas, tanto Oportunius como Talento Sénior, forman parte de Talento 2021, a folla de ruta coa que a Xunta busca xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i. A través desta iniciativa, a Administración autonómica estima unha mobilización próxima aos 47M€ dos que a Xunta achegará 6M€.

Hubs de Innovación Dixital

O titular de Economía puxo tamén en valor na reunión a aposta da Xunta polo modelo de colaboración público-privado para mellorar a prestación de servizos desde a Administración a través dos Hubs de Innovación Dixital e definir o novo ecosistema innovador en Galicia. Os dous primeiros Hubs estarán centrados en achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro, como internet das cousas e a intelixencia artificial, e as que permiten o manexo de grandes cantidades de información (big data) vinculadas ao desenvolvemento das ciencias da vida.

Conde lembrou que estes proxectos, liderados respectivamente polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), estean plenamente operativos a partir do ano 2020, co obxectivo de estender o impacto positivo da innovación ás pequenas e medianas empresas galegas.

Do que se trata, en definitiva, é de captar e reter talento investigador en Galicia para reforzar a excelencia científica do sistema galego de I+D+i.