Conde cualifica a RIS3 como un proxecto colectivo para a modernización económica de Galicia

2019-06-03
  • Apunta que foi concibida como unha axenda de transformación económica de Galicia e que ten como obxectivo facer da I+D+i unha ferramenta de competitividade a todos os niveis
  • Precisa que a RIS3 ten a previsión de mobilizar un investimento público-privado de 1.624 millóns de euros entre o período 2014-2020, dos que xa se mobilizaron máis de 1.200 millóns
  • Sobre o reto 2, centrado en consolidar un novo modelo industrial baseado na innovación e no coñecemento, indica que concentra a maior parte dos recursos, superando o 70% do mobilizado

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, cualificou hoxe a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) como un proxecto colectivo para a modernización económica de Galicia. Así o puxo de manifesto na xornada de balance RIS3 Galicia: Avaliación Intermedia. Reto 2: Novo modelo industrial para a Galicia do futuro.

Conde destacou que a RIS3, impulsada en Galicia pero tamén en todas as rexións europeas na programación dos Fondos Estruturais 2014-2020 da UE, foi concibida como unha axenda de transformación económica de Galicia e ten como obxectivo facer da I+D+i unha ferramenta de competitividade a todos os niveis. Nese obxectivo, dixo, busca a implicación activa de empresas, centros de coñecemento, administracións e cidadanía; e, de feito, sinalou que foron 240 os axentes que participaron na elaboración desta folla de ruta.

O conselleiro salientou que no momento de deseñar esta estratexia había que focalizar as nosas vantaxes competitivas e comparativas e centrar todos os esforzos naqueles ámbitos da nosa economía que nos distinguen como rexión para afianzar neles a I+D+i. Tamén nos sectores emerxentes como o aeroespacial, co exemplo do Polo Aeroespacial de Galicia, que vai mobilizar 164 millóns de euros coa participación de 50 axentes, entre grandes empresas e centros de coñecemento, e que xa está xerando preto de 500 empregos.

Reto 2: un novo modelo industrial

Da selección deses ámbitos, apuntou que saíron os tres retos que aborda esta estratexia. E, concretamente, o reto 2, do que hoxe se fixo balance nesta xornada, salientou que está centrado en consolidar un novo modelo industrial baseado na innovación e no coñecemento.

Conde precisou que a RIS3 ten a previsión de mobilizar un investimento público-privado de 1.624 millóns de euros entre o período 2014-2020. Que se concederon axudas públicas á I+D+i por máis de 833 millóns de euros que mobilizaron máis de 1.200 millóns. E, sobre o reto 2, detallou que concentra a maior parte dos recursos, superando o 70% do mobilizado.

O reto 2, dixo, ten como obxectivo aumentar a intensidade tecnolóxica do tecido industrial de Galicia para conseguir novos procesos e produtos de alto valor engadido cos que explorar novos mercados; para implantar o modelo de fábrica intelixente e para facer do TIC un sector tractor da economía galega.

Todos as liñas de axuda e programas que a Xunta ten posto en marcha neste sentido, engadiu, están dirixidas, polo tanto, a impulsar o emprendemento innovador, atraer investimento privado e fomentar a transferencia da investigación ao mercado. Nesta liña sinalou que os Hubs de Innovación Dixital van ser unha plataforma de impulso á innovación na industria que van permitir reforzar a competitividade das pemes.

Conde apuntou que Galicia foi en 2017 a segunda comunidade autónoma onde máis creceu o investimento en I+D, un 13,3%, que supón 570 millóns de euros e duplica o avance do promedio estatal que é dun 6%. E concluíu asegurando que hoxe existe un maior compromiso por parte de todos para facer da I+D+i un auténtico motor de cambio do noso tecido produtivo e do noso sistema de benestar.