Xunta e Boeing presentan o proxecto sobre seguridade aérea que a multinacional desenvolverá no polo aeroespacial de Galicia

2019-05-21
  • O obxectivo será resolver cuestións de seguridade que se consideran clave, como: a perda dos enlaces de comunicación, a incapacidade de detectar colisións, a perda de sinal ou de impulso do motor, ou a perda de control por interferencias
  • Como resultado desta iniciativa, Boeing deixará instalado en Rozas un simulador de probas e continxencias, o que suporá unha importante contribución ao equipamento do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas
  • Feijóo anima a seguir apostando pola cooperación público-privada como fórmula para que o sector aeroespacial en Galicia estea en continuo avance e dando pasos en firme coas miras postas no mercado internacional

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu hoxe á presentación do proxecto sobre seguridade aérea Galician Skyway-Civil UAVs Initiative, que a multinacional Boeing desenvolverá no polo aeroespacial de Galicia, en Rozas.

Durante o acto, Feijóo agradeceu a Boeing Europa a súa confianza na comunidade e “no ecosistema de innovación que estamos construíndo”, así como o traballo de todo o consorcio de empresas e institucións que van colaborar na súa execución. Un consorcio composto por: ENAIRE, dependente do Ministerio de Fomento; INTA, dependente do Ministerio de Defensa; o centro tecnolóxico galego GRADIANT; a multinacional tecnolóxica galega TELEVÉS; CENTUM, unha startup tecnolóxica galega especializada en telecomunicacións; SOTICOL, unha empresa de base tecnolóxica que xurde na Universidade de Alcalá; e a Xunta.

“Traballaremos no desenvolvemento dun proxecto pioneiro no ámbito da industria aeroespacial como é o da seguridade cando falamos de integrar nun mesmo espazo aéreo as aeronaves tripuladas e non tripuladas”, dixo, incidindo en que esta iniciativa, ao igual que o polo da industria aeroespacial que neste momento desenvolve a súa actividade en Rozas, é produto da colaboración público-privada.

Máis polo miúdo, Feijóo sinalou que o obxectivo deste proxecto será o de resolver as cuestións que as axencias de seguridade consideran clave, como pode ser: a perda dos enlaces de comunicación, a incapacidade de detectar colisións, a perda de sinal ou de impulso do motor, ou a perda de control por interferencias. “É dicir, ofreceranse solucións transversais e universais, en tanto que serán necesarias en calquera aeronave non tripulada ou en calquera sistema para a súa xestión no futuro”, aseverou, precisando que, como resultado desta iniciativa, Boeing deixará instalado en Rozas un simulador de probas e continxencias, o que suporá unha importante contribución ao equipamento do Centro de Investigación Aerotransportada situado nas instalacións do aeródromo lucense.

O responsable do Goberno galego resaltou a aposta que Boeing está a facer por desenvolver a súa I+D estratéxica en Galicia e fixo fincapé na importancia de que a Comunidade siga apostando polo emprendemento e o desenvolvemento industrial, así como pola formación.

Sobre este último punto, destacou o traballo e a implicación do CIFP As Mercedes de Lugo, onde se imparte o Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico; ou da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, situada no campus de Ourense e na que se imparte o Grao de Enxeñaría Aeroespacial. E referiuse, tamén, ao novo máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados que se desenvolve na Cidade olívica e en Santiago.

Ao longo da súa intervención, Feijóo animou a seguir comprometidos coa cooperación público-privada como fórmula para que o sector aeroespacial en Galicia estea en continuo avance e dando pasos en firme coas miras postas no mercado internacional.

Por outra banda, José Enrique Román, Director do BR&T-E (Centro de Investigación e Tecnoloxía) de Boeing en Europa, comentou que: “hoxe celebramos un fito histórico para o futuro da navegación autónoma. Boeing e as empresas galegas de tecnoloxía traballarán xuntos nos próximos anos para crear o futuro das viaxes e o transporte. España é coñecida por ter instalacións de proba excepcionais, e o CIAR de Rozas é unha delas. O noso plan é desenvolver, nos próximos anos, solucións aos desafíos operativos e de seguridade formulados polos sistemas de avións non tripulados en espazos aéreos compartidos. Estamos seguros de poder colaborar do mellor xeito cos nosos socios e as autoridades galegas para evolucionar o ecosistema do transporte”.