Conde destaca a contribución da empresa de enxeñería Soltec á transformación dixital do tecido produtivo galego

2019-04-22
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Vigo as instalacións da compañía, que colabora con máis de 800 clientes e inviste un 10% en innovación cada ano
  • Sinala que o reto é fixar tecido empresarial e emprego de calidade a través da Industria 4.0 e a I+D+i
  • Este grupo participa na terceira edición da aceleradora Business Factory Auto, na que colaboran os principais axentes do sector da automoción

Vigo, 22 de abril de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Vigo na súa visita ás instalacións do grupo Soltec, que conta con catro empresas que desenvolven a súa actividade en diferentes da enxeñaría industrial, o importante labor desta compañía no proceso da transformación dixital que se está a abordar en Galicia, colaborando con máis de 800 clientes.

O conselleiro apuntou que Soltec está sabendo abordar a través da innovación, da Industria 4.0 e da internacionalización os retos que ten ante si o tecido industrial galego. Conde resaltou que a compañía inviste un 10 por cento en innovación cada ano, o que lle permite non só colaborar nos diferentes procesos de transformación dixital e de industrialización de moitas empresas, senón tamén desenvolver proxectos de I+D+i propios e proxectos de industrialización no eido dos contedores para grandes superficies.

Ademais, dúas das empresas que conforman o grupo Soltec (Norlean e DTView) participan neste momento na Business Factory Auto, a aceleradora do sector da automoción na que colaboran os principais axentes desta industria en Galicia e que ten en marcha a súa 3ª convocatoria.

Francisco Conde resaltou que seguir avanzando na Industria 4.0, a innovación e a mellora de procesos e produtos é clave para ser máis competitivos nun mercado cada vez máis aberto e onde a dixitalización dos procesos cada vez adquire unha maior relevancia, contribuíndo así á fixación de tecido industrial e de emprego de calidade en Galicia. Neste sentido, resaltou que máis do 90% dos 30 empregados son enxeñeiros, o que permite xerar valor engadido nos procesos nos cales o grupo empresarial está colaborando.