A Xunta e o CDTI informan mañá en Ferrol sobre os programas de cooperación tecnolóxica internacional

2019-04-10
  • Esta actividade, que terá lugar no CIS, enmárcase no Plan de difusión de convocatorias de I+D+i internacionais que a Axencia Galega de Innovación (Gain) desenvolve como socio da rede Enterprise Europe Network

Ferrol, 10 de abril de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), organiza mañá pola mañá no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS) de Ferrol unha xornada informativa sobre os programas de cooperación tecnolóxica internacional financiados por o CDTI.

Durante esta xornada, o CDTI presentará os principais programas de cooperación tecnolóxica internacional que financia como son o Eureka, Eurostars ou Iberoeka; as convocatorias activas nas que participa; así como a planificación das próximas convocatorias e iniciativas de interese. Os técnicos do CDTI tamén presentarán o novo programa Innowwide que financia estudos de viabilidade de modelos de negocios innovadores desenvolvidos por pemes.

A xornada de mañá encadrase dentro do Plan de actividades de información e difusión de convocatorias de I+D+i internacionais, na que coa axuda do CDTI, máis de 50 entidades galegas, das que se agarda que a metade sexan pemes, terán a oportunidade de coñecer convocatorias activas e próximas convocatorias de interese.

Proxecto europeo

Esta xornada está encadrada nas actividades que o CIS organiza como socio do proxecto europeo Enterprise Europe Network, unha ferramenta para promover as iniciativas de innovación e a internacionalización dos axentes galegos do ecosistema de I+D+i, impulsando a súa presenza nos programas de innovación e mellorando o seu acceso aos fondos de financiamento internacionais (Horizon 2020 ou os programas de cooperación tecnolóxica internacional, por exemplo).

Constituída por máis de 3000 profesionais de 60 países, esta rede leva máis de 11 anos prestando servizos de asesoramento, difusión e información ás pemes galegas en temas de transferencia de tecnoloxía trasnacional e programas europeos de I+D+i.