Conde destaca que a empresa Formato Verde contribúe á economía circular e aposta pola innovación e o deseño

2019-03-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta tarde as instalacións que a compañía ten en San Cibrao das Viñas
  • Un dos seus produtos, o contedor de reciclaxe de carga lateral, foi seleccionado o ano pasado para representar a Galicia no certame europeo Design4Innovation
  • Galicia conta co programa Deseño para a Innovación 2020 que pretende que o tecido industrial galego integre o deseño en todas as súas vertentes

San Cibrao das Viñas (Ourense), 20 de marzo de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as novas instalacións da empresa Formato Verde en San Cibrao das Viñas e puxo a esta compañía como exemplo de compromiso coa innovación e o deseño e destacou a súa contribución á economía circular.

A empresa, que foi seleccionada o pasado ano para representar a Galicia no certame europeo Design4Innovation polo seu contedor de reciclaxe de carga lateral, dedícase á recollida de residuos urbanos desde 2001, conta cunha cifra de negocio de 10,5 millóns de euros e produce ao redor de 23.000 unidades anuais. Con esta nova sede de 5.000 metros cadrados, os seus responsables agardan apuntalar o crecemento e expansión da compañía.

Conde explicou que o que diferencia Formato Verde doutras empresas do sector é o uso que fai do deseño, a súa aposta pola innovación, a conxugación de deseño e funcionalidade, a busca da integración no contorno e o coidado do medio ambiente: “O deseño e a I+D+i son a súa marca”, subliñou.

O conselleiro referiuse a importancia que o deseño ten non só como imaxe de marca dunha empresa senón como elemento para a innovación e lembrou a posta en marcha do programa Deseño para a Innovación 2020 que pretende incentivar que o tecido industrial galego integre o deseño en todas as súas vertentes: gráfica, dixital, multimedia ou de produto.