A empresa de Salvaterra Beta Implants resulta gañadora do Premio ViaGalicia 2019

2019-03-01
  • A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo crean este recoñecemento para premiar os proxectos máis consolidados en calquera das edicións da aceleradora
  • O apoio da Administración autonómica a este programa de aceleración inscríbese na iniciativa StartIN Galicia, a plataforma que agrupa todos os apoios a emprendedores e startups

Nigrán (Pontevedra), 1 de marzo de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na entrega do Premio ViaGalicia 2019 a Beta Implants, empresa de base tecnolóxica afincada en Salvaterra do Miño (Pontevedra), dedicada ao deseño e fabricación de implantes a medida para animais. Este recoñecemento, dotado cun financiamento de 150.000 euros por parte de XesGalicia e Vigo Activo, ponse en marcha por primeira vez co obxectivo de premiar os proxectos máis consolidados que pasaron pola aceleradora de innovación.

Patricia Argerey destacou da empresa Beta Implants a súa forte aposta pola I+D+i na investigación e desenvolvemento de novos implantes, próteses e biomateriais para ofrecer unha solución a medida no ámbito dos implantes veterinarios. Argerey subliñou tamén o compromiso da Xunta co fomento do emprendemento feminino, como neste caso en que a directora xeral é unha muller, Bibiana Rodiño. A entrega deste premio realizouse no marco da clausura do Investors Day da quinta edición de ViaGalicia, unha xornada na que as quince startups que remataron a fase de aceleración deste programa presentaron ante investidores os seus proxectos para acadar un financiamento adicional.

A directora de Gain felicitou tamén ao resto de proxectos que rematan hoxe a súa participación na última edición de ViaGalicia pola súa contribución á innovación social, isto é, a facer máis sinxela a vida dos cidadáns galegos do presente e do futuro, ofrecendo solucións en eidos como o da ciberseguridade, o asesoramento financeiro e legal, o ocio, a arquitectura ou a alimentación. Desexoulles moita sorte na súa andaina futura e lembrou que permanece aberta ata o vindeiro 1 de abril a sexta edición da aceleradora.

O apoio da Xunta a ViaGalicia inscríbese na plataforma StartIN Galicia, a través da que se teñen apoiado máis de 900 proxectos nos últimos cinco anos e que dota á Comunidade dun amplo mapa de aceleradoras transversais e sectoriais, estas últimas especializadas en sectores clave para a economía galega como a automoción, a aeronáutica ou a agrobiotecnoloxía.

Neste contexto, ViaGalicia constitúe unha das aceleradoras de referencia, recoñecida en varias ocasións como unha das principais iniciativas deste tipo do sector público en España, e que ten analizado dende a súa posta en marcha en 2013 máis de mil proxectos, con 68 empresas formalizadas e 340 empregos novos xerados.

Patricia Argerey informou tamén aos emprendedores de que a Xunta conta ademais cun completo mapa de apoios, que van máis alá dos programas de aceleración, que cubre todas as etapas do proceso innovador e que inclúe, entre outros apoios, axudas á contratación de persoal dedicado a tarefas de I+D+i, axudas ao desenvolvemento de proxectos, apoio á implementación de plans de innovación en pemes e microempresas, instrumentos financeiros e incentivos fiscais á I+D+i.