Conde subliña o investimento de máis de 7M€ nas unidades mixtas de investigación para impulsar a competitividade de Navantia

2019-02-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na presentación do proxecto Nautilus, no que o estaleiro colabora con Aimen, que se suma á iniciativa desenvolta coa Universidade da Coruña
  • Destaca que o novo proxecto supón un importante paso adiante na introdución de solucións innovadoras, co desenvolvemento de novos procesos e materiais
  • Apunta que o Plan Estratéxico de Navantia non só ten que permitir facer fronte ao reto da construción das fragatas, senón que ten que ter unha visión de futuro
  • O programa de Unidades Mixtas ten permitido desenvolver 39 alianzas entre centros de coñecemento e empresas que mobilizan 114M€ e dan emprego a 580 profesionais

Ferrol, 14 de febreiro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na presentación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Nautilus, na que colaboran Navantia e o centro tecnolóxico Aimen, que a través desta iniciativa e da UMI que desenvolve a compañía coa Universidade da Coruña (UDC) se están a investir máis de 7 millóns de euros na modernización do estaleiro ferrolán, impulsando así a súa competitividade a nivel internacional para lograr atraer novos contratos.

Conde lembrou que, se a UMI que desenvolve Navantia desde 2015 coa UDC se centra no Estaleiro 4.0, a que hoxe se presentou, na que se invisten preto de 2,5 millóns de euros, supón un novo paso, ao estar vinculada ao desenvolvemento de novos procesos e novos materiais que permitan que o estaleiro introduza solucións innovadoras.

Así, o conselleiro apuntou que as iniciativas que se están a desenvolver nas Unidades Mixtas poden acompañar ao propio Plan estratéxico de Navantia, unha folla de ruta que, segundo subliñou, “ten que permitir non só facer fronte ao reto da construción das fragatas senón, de cara a futuro, ten que permitirlle converterse nun estaleiro con capacidade competitiva para acudir a diferentes licitacións internacionais”. Algo que, sinalou, debe facerse sobre a base das novas tecnoloxías e dos investimentos 4.0.

Conde remarcou que as colaboracións que Navantia está a desenvolver no ámbito da innovación teñen que facerse extensivas á industria auxiliar, para lograr así que o sector naval en Galicia teña máis fortaleza e sexa máis competitivo diferenciándose a través da innovación.

O responsable de Economía, Emprego e Industria fixo fincapé así mesmo en que a Xunta defende un modelo de innovación aberta como o que se estimula co programa de Unidades Mixtas de Investigación, unha iniciativa pioneira que ten permitido o nacemento de 39 alianzas ou consorcios de innovación entre 13 centros de coñecemento galegos e 33 empresas de diversos sectores, cunha mobilización de 114 millóns de euros e dando emprego a 580 profesionais.