Un consorcio de empresas desenvolve unha solución integral para monitorizar en tempo real a auga de consumo humano

2019-01-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na presentación do proxecto Trihsens, que se validará na Estación de Tratamento de Auga Potable do Tambre en Santiago e permitirá mellorar a xestión da auga
  • No consorcio participan tres pemes galegas, unha grande empresa e dous centros tecnolóxicos, Aimen e Cetaqua, e conta cun orzamento de 879.000 euros ata 2020
  • Hoxe tamén se presentaron os resultados da iniciativa Demadera, que permitiu desenvolver viños partindo de extractos que se obteñen do procesamento da madeira
  • O programa Conecta Peme apoia a través da última convocatoria 54 proxectos de I+D+i nos que participan 169 empresas – o 93% pemes – e 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación do proxecto Trihsens, que busca o desenvolvemento dun sensor eficiente para sistemas de control en augas de consumo. Na iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 879.000 euros co apoio do programa Conecta Peme da Xunta, participan tres pemes galegas, unha grande empresa e dous centros tecnolóxicos, Aimen e Cetaqua.

Na súa intervención, a directora de Gain destacou a importancia da auga, non só para a vida, senón tamén para a economía galega, fortemente ligada a este recurso. De aí a importancia de proxectos como este que inciden na mellora da xestión eficiente da auga; ou da unidade mixta de Sistemas Avanzados de Tratamento de Augas (CIGAT)-Biofactoría. Esta unidade mixta, que se atopa en fase de consolidación, está a traballar en incrementar a calidade das augas depuradas desenvolvendo solucións tecnolóxicas innovadoras, así como en obter produtos de alto valor engadido a partir das correntes residuais.

Patricia Argerey destacou o papel de tecnoloxías facilitadores esenciais, como a nanotecnoloxía e as TIC, na aplicación da última tecnoloxía á xestión máis eficiente de recursos naturais como a auga, como acontece neste proxecto. Grazas a estas tecnoloxías, a solución desenvolta permitirá actuar dun xeito rápido e non invasivo no proceso de tratamento das augas e optimizar e flexibilizar a xestión dunha planta de tratamento de auga potable, evitando interrupcións na subministración.

Argerey subliñou que grande parte dos proxectos apoiados nesta convocatoria de Conecta peme están centrados precisamente na área da nanotecnoloxía, materiais e tecnoloxías da produción – preto do 30% – e no ámbito da enerxía e o medio ambiente – con preto do 28% -.

Complementariedade dos membros do consorcio

A directora de Gain destacou tamén a traxectoria e experiencia das entidades que constitúen o consorcio que está detrás do proxecto e que está formado por tres pemes galegas: Syspro (Vigo), dedicada a desenvolver solucións integradas de automatización e control; Roca Roibas (Bergondo), especializada no deseño e construción de equipos compactos de tratamento dos recursos hídricos a medida; e Ayco (Vigo), enxeñaría especializada no desenvolvemento de aplicacións de internet), a grande empresa, Viaqua, que actúa como líder e usuario final da tecnoloxía e produtos desenvoltos e, finalmente, a colaboración dos centros tecnolóxicos Aimen e Cetaqua.

Argerey indicou que, malia que este programa está dirixido principalmente a pemes, as grandes empresas, como neste caso Viaqua, xogan un importante papel como impulsoras da innovación nas pemes a través de proxectos en cooperación coma este. Finalmente, subliñou tamén a importancia da colaboración con centros tecnolóxicos e de investigación, como Cetaqua e Aimen, que aportan o seu knowhow a través da transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial.

Balance da convocatoria Conecta Peme

A través do programa Conecta Peme, cofinanciado no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 e que ten por obxecto estimular a innovación nas pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, vén de concederse en 2018 o apoio a 54 proxectos de I+D+i nos que participan 169 empresas – o 93% pemes – e 24 centros tecnolóxicos e de investigación. Grazas a 27 millóns de euros de axuda pública, mobilizaranse 47 millóns de euros e xeraranse 72 empregos cualificados. En total, dende a posta en marcha destre programa no ano 2013 lévanse apoiado 187 proxectos de cooperación que están xerando 530 empregos.