A Unidade Mixta CIGAT instalará un prototipo na EDAR de Ourense para avanzar na obtención de enerxía a partir das augas residuais

2018-12-12
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na presentación na cidade da alianza entre Viaqua e o Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua), que vén de obter o apoio da Xunta para a súa consolidación ata 2021 cun orzamento de 1,86 millóns de euros
  • Os seus principais obxectivos serán incrementar a calidade das augas depuradas procedentes de diferentes sectores e a obtención de produtos de alto valor engadido das correntes residuais

Ourense, 12 de decembro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá no acto de presentación en Ourense da Unidade Mixta Centro de innovación galego de sistemas avanzados de tratamento de augas (CIGAT)-Biofactoría, que tivo lugar no Concello de Ourense. Esta alianza estratéxica entre a empresa Viaqua e o Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua) co apoio da Xunta comeza a súa fase de consolidación, na que se investirán 1,86 millóns de euros, tras investir 2,3 millóns de euros desde a súa posta en marcha en 2015.

Neste novo período, o proxecto inclúe a proba na estación depuradora da cidade das Burgas dun prototipo demostrativo das tecnoloxías desenvoltas, que permitirá avanzar na obtención de enerxías a partir dos residuos da auga. Así, a EDAR situarase como unha instalación pioneira a nivel mundial no campo da biorrefinería, é dicir, na obtención de produtos de alto valor engadido baseados no carbono non obtidos do petróleo.

Patricia Argerey felicitou a Viaqua e Cetaqua pola renovación do apoio da Xunta a esta Unidade Mixta, a única polo momento centrada no ámbito medioambiental, e subliñou que, ademais de seguir avanzando en incrementar a calidade das augas depuradas desenvolvendo solucións tecnolóxicas innovadoras adaptadas aos diferentes sectores centrarase na obtención de produtos de alto valor engadido a partir das correntes residuais, contribuíndo así á economía circular.

Argerey destacou ademais que esta unidade mixta contribuirá a posicionar ao centro Cetaqua como referente na revalorización de recursos dentro do ecosistema de innovación do Grupo SUEZ a nivel internacional, permitindo así seguir atraendo fondos privados adicionais para a I+D+i galega, e incidirá na competitividade do sector industrial galego, achegando tecnoloxías máis limpas e eficientes, avanzando cara a eco-innovación.

Resultados da fase de creación da unidade mixta

A creación desta unidade mixta no ano 2015 permitiu o desenvolvemento de tres tecnoloxías innovadoras para o tratamento de augas residuais industriais, conta xa cunha referencia no mercado dunha delas, con aplicación no sector farmacéutico, e ten solicitadas tres patentes. Ademais, permitiu a creación de seis postos de traballo cualificados, que agora coa consolidación non só se manterán senón que se verán incrementados en cinco máis (sumando 11 en total).

Así mesmo, neste período Cetaqua conseguiu a súa acreditación como centro de apoio á innovación tecnolóxica por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, converténdose no primeiro centro acreditado a nivel estatal que se dedica en exclusiva á agua e ao medioambiente, e engrosando a lista de nove centros tecnolóxicos e de apoio á innovación acreditados en Galicia, cifra que sitúa a Comunidade como a cuarta con máis centros con esta distinción.

Desde a posta en marcha do programa de Unidades Mixtas de Investigación, a Xunta apoiou a creación e consolidación de 39 unidades mixtas (31 novas e 8 consolidacións), nas que participaron 13 centros de coñecemento galegos e 33 empresas, que dan emprego a preto de 580 profesionais e mobilizan 114 millóns de euros.