A Xunta forma a futuros candidatos ás axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC)

2018-11-22
  • O taller, que se celebrou hoxe en Santiago de Compostela, forma parte do programa Oportunius da Consellería de Economía, Emprego e Industria —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)- que persegue a xeración, atracción e retención de talento investigador en Galicia
  • Dende 2014, máis dun cento de investigadores se formaron a través deste programa, sete resultaron beneficiarios dunha axuda ERC e 14 foron finalistas
  • Ao programa Oportunius, súmanse outras iniciativas da Xunta para captar e reter talento en Galicia como o programa Principia ou o Talento Sénior

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018.- A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acolleu esta mañá o taller de preparación de propostas para o Consello Europeo de Investigación (ERC). Nela presentáronse as oportunidades de financiamento que ofrece o programa Horizonte 2020 para a investigación excelente e as principais claves para conseguir propostas exitosas na convocatoria de 2019 das axudas Advanced Grants e Consolidator Grant do ERC. Esta é a oitava xornada de formación deste tipo que se celebra no marco do programa Oportunius dende que se puxo en marcha en 2014.

Na xornada participaron a directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño; o Punto Nacional de Contacto para o ERC, Lucía del Río; unha representante da consultora Econet con experiencia no asesoramento de candidaturas en programas europeos, Graciela Garrido; e o investigador da Universidade de Vigo David Posada, beneficiario dunha Starting Grant, dunha Consolidator Grant e revisor e panelista do ERC. Ao taller asistiron dez investigadores/as das tres universidades galegas.

O enfoque da xornada foi eminentemente práctico e nela abordáronse os seguintes aspectos: as posibilidades de financiamento para persoal investigador de alto nivel dentro do Programa H2020; aprender a deseñar unha proposta para a convocatoria ERC; coñecer as principais claves para definir propostas de éxito; aprender a usar as ferramentas existentes para a presentación das propostas e coñecer as experiencias de beneficiarios galegos ERC.

Beneficiarios do programa Oportunius

Desde a posta en marcha do programa Oportunius, máis dun cento de investigadores se informaron a través de xornadas deste tipo, dos que sete obtiveron unha axuda deste organismo da Comisión Europea encargado de apoiar a investigación de fronteira a través de financiamento competitivo en base á excelencia científica dos proxectos e á traxectoria académica dos investigadores e 14 resultaron finalistas. Estes datos son un bo indicador do nivel de excelencia do persoal investigador galego, porque estes finalistas superaron as primeiras fases de avaliación das convocatorias sendo o nivel de esixencia do ERC moi elevado.

O programa Oportunius ten principalmente tres obxectivos: atraer a excelencia a través da captación, retención ou retorno daqueles investigadores destacados que obtiveron unha axuda do ERC, ofrecéndolles un contrato Oportunius; apoiar a excelencia impulsando o desenvolvemento daqueles investigadores cunha traxectoria consolidada que superaran a primeira fase de avaliación ofrecéndolle apoio económico aos seus proxectos (50.000 euros por proxecto); e fomentar a excelencia favorecendo a participación nas convocatorias do ERC daqueles investigadores que demostren un alto potencial a través do asesoramento, formación, revisión do currículo e da idea de proxecto.

Este programa súmase a outras iniciativas da Xunta que perseguen atraer e reter talento en Galicia, como o programa Principia, que ten permitido a incorporación de 372 tecnólogos mozos para desenvolver tarefas de I+D+i tanto no sector público como privado, e o máis recente programa Talento Sénior, para impulsar a contratación de persoal de alta cualificación para desenvolver actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos e privados non universitarios.