A Xunta avanza na configuración dun ecosistema do deseño galego sólido e coordinado para garantir o seu impacto na innovación empresarial

2018-11-14
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Ferrol no encontro “Ecosistema do deseño para a innovación empresarial” dirixido a axentes do deseño a nivel estatal
  • O evento permitiu intercambiar coñecemento, difundir boas prácticas e establecer contactos entre os profesionais do deseño a nivel estatal e as asociacións, as institucións académicas e a industria galega
  • A iniciativa enmárcase no Programa deseño para a innovación 2020 da Xunta que persegue fomentar a incorporación do deseño nas empresas como motor da innovación

Ferrol, 13 de novembro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, inaugurou esta mañá o encontro Ecosistema do deseño para a innovación empresarial, que reuniu en Ferrol ao longo de todo o día a axentes do sector do deseño a nivel estatal. O obxectivo desta iniciativa, o segundo evento destas características que se celebra no marco do Programa de deseño para a innovación 2020, é compartir coñecemento e fomentar o contacto entre os axentes do deseño para avanzar na configuración do ecosistema do deseño galego.

Precisamente, Patricia Argerey subliñou que “a configuración dun ecosistema sólido e coordinado é imprescindible para garantir o impacto do deseño sobre a innovación empresarial”. Argerey presentou este ecosistema como un novo elemento de cohesión e de apertura de oportunidades compartidas para todos os axentes galegos do sector deseño. “A idea é contar cun marco articulado que permita dotar aos colectivos profesionais dunha maior conexión co tecido empresarial para establecer as sinerxías que conducirán a unha maior competitividade económica en Galicia”, concluíu Argerey.

A actuación enmárcase no Programa deseño para a innovación 2020, que, dotado con 2 millóns de euros, persegue fomentar a incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade a nivel global, con especial atención ás pemes. Esta planificación responde á estratexia europea de fomentar o deseño como factor de innovación e está abrindo “unha marco de oportunidade no sistema de innovación de Galicia”, tal e como subliñou a directora de Gain.

Lembrou, así mesmo, que o programa galego tivo a súa orixe en dous proxectos europeos nos que participa Gain: o Design4Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Os obxectivos da xornada, que conta coa colaboración do Clúster da Comunicación Gráfica e da Asociación Galega de Deseño, son o intercambio de coñecemento entre profesionais do deseño de toda España; o contacto entre os profesionais do deseño, as entidades académicas e as empresas co fin de propiciar lazos produtivos; a análise de boas prácticas activadas polo tecido asociativo estatal do deseño sobre o desenvolvemento dos profesionais e as súas conexións coa industria; o coñecemento sobre os plans formativos actuais para avaliar o estado do ensino regrado do deseño en Galicia; o reforzo do posicionamento dos profesionais do deseño no ámbito do público e a súa contribución á transformación do tecido económico para establecer relacións máis competitivas e eficientes; e o fomento de situacións de encontro entre estes ámbitos.

A conferencia inaugural correu a cargo do responsable de deseño do Zentre Donostia Design Institute, Alberto Barreiro, que falou sobre a importancia do deseño como competencia clave para as empresas e entidades que apostan pola innovación. Tamén se presentou, ao longo da xornada, o impacto positivo da actividade asociativa sobre o desenvolvemento do sector tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas (Madrid, Barcelona, Comunidade Valenciana, Euskadi e Andalucía) e as experiencias de transferencia de coñecemento e talento por parte das principais escolas superiores de deseño galegas. Ademais, contouse coa participación do estudo portugués Whitestudio para expor a experiencia da cidade de Porto na aplicación de políticas públicas de identidade visual.

Outras actuacións presentes e futuras

Argerey explicou outras actuacións que se están levando a cabo no marco deste programa como son un mapa de provedores de servizos de deseño en Galicia co obxectivo de difundir as capacidades dos profesionais galegos entre as empresas e facilitar, así, a incorporación do deseño nas estratexias de innovación da industria e mellorar a visibilidade do seu traballo; o proxecto fotográfico Galicia. Imaxes do deseño, que recollerá a historia do deseño industrial en Galicia; un ciclo de workshops sobre temáticas de utilidade para os profesionais do sector, estudantes e empresas, como o do pasado 25 de outubro sobre a protección do deseño ou o do vindeiro 29 de novembro sobre novos materiais para deseño; un encontro europeo sobre políticas públicas e boas prácticas empresariais de deseño para a innovación, que terá lugar o vindeiro 11 de decembro; así como o patrocinio dos Premios Paraguas na súa categoría de deseño ou a feira Maker Faire Galicia.

Por último, adiantou algunhas actuacións para 2019 como a activación de instrumentos financeiros que posibiliten proxectos de innovación sustentada no deseño; a posta en marcha dunha materiateca que conteña unha colección de mostras coas diferentes gamas e posibilidades de aplicación de novos materiais para a innovación de produto e servizo; a publicación de casos de éxito do deseño galego; e unha campaña de comunicación centrada no deseño galego.