A Xunta aposta por impulsar a actividade dos centros de coñecemento en Galicia cara a excelencia e consolidar unha investigación conectada aos novos retos socioeconómicos

2018-08-31
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, asistiu esta mañá, en Santiago de Compostela, ao acto de sinatura dun contrato programa co CSIC
  • O obxectivo desta iniciativa, que se leva a cabo por quinto ano consecutivo, é potenciar os proxectos de investigación estratéxicos deste centro, consolidar grupos de referencia, posicionar a investigación realizada en Galicia a nivel europeo e trasladar os resultados deste traballo á industria
  • A Xunta destina este ano un total de 3,2M€ a contratos programa cos centros de coñecemento galegos

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela, durante o acto de sinatura dun contrato programa co CSIC, que a Xunta aposta por impulsar a actividade dos centros de coñecemento en Galicia cara a súa excelencia e consolidar, deste xeito, “unha investigación científica e pioneira, que estea conectada aos novos retos socioeconómicos”.

O contrato programa asínase por quinto ano consecutivo, cun importe de 400.000 euros que, xunto cos outros catro suman a cantidade de 2,5 millóns de euros destinados neste período co obxectivo de potenciar proxectos de investigación estratéxicos, consolidar grupos de investigación de referencia, posicionar a investigación realizada en Galicia a nivel europeo e trasladar os resultados dese traballo científico á industria para que actúe como un motor de crecemento económico.

A axuda, que se dirixe aos cinco institutos de investigación do CSIC na Comunidade (Misión Biológica de Galicia, Instituto de Estudios Gallegos, Instituto de Investigaciones Marinas, Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia e Instituto de Ciencias del Patrimonio), contempla catro liñas de actuación: potenciar as liñas estratéxicas de investigación; formar, captar e reter o talento; fomentar a participación e captación de fondos dos programas europeos de I+D+i; e protexer, valorizar e transferir os resultados da investigación.

Conde incidiu no compromiso do Goberno galego cos centros de investigación, xa que en plena era tecnolóxica a I+D+i é o motor do cambio. Así, este ano destínanse 3,2 millóns de euros para mellorar a competitividade destas infraestruturas e favorecer a captación de talento, apoios que suman 26,6 millóns entre 2009 e 2017. Os contratos programa son unha fórmula que garante a competitividade destes centros a través dun financiamento estable e implican o cumprimento de esixentes indicadores de xestión e de resultados por parte de cada centro para determinar as súas dotacións.

Con este contrato programa a Xunta está materializando os principais obxectivos do Plan Galicia Innova 2020, xa que unha das súas prioridades é formar, captar e reter talento apostando por unha investigación científica aberta e en permanente colaboración co ecosistema galego de innovación e o tecido empresarial.

Conde finalizou agradecendo ao CSIC a súa implicación e apoio institucional, así como a colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) que está a permitir “dotar de valor cualitativo o Plan Galicia Innova”, así como dar resposta ás necesidades do tecido produtivo en materia de transferencia de coñecemento. Así, destacou que o plan conta coas aportacións tanto dos centros tecnolóxicos e de investigación, como das universidades e das empresas e, en definitiva, de todo o ecosistema da innovación para dar prioridade á captación e retención de talento e tamén para impulsar unha investigación aberta que manteña en contacto a investigación co tecido produtivo para lograr a súa transferencia ao mercado.