A Xunta inicia a rolda de conversas cos axentes implicados no programa de deseño para a innovación 2020

2018-07-14
  • O obxectivo é identificar as necesidades estratéxicas dos profesionais, empresas e entidades do ecosistema galego do deseño e implicalos desde o principio no desenvolvemento do novo programa
  • As primeiras sesións terán lugar entre o 17 e o 18 de xullo con 22 entidades do eido do deseño e do sector empresarial, representado polos clústeres
  • En total, celebraranse sete reunións de traballo entre xullo e outubro, que culminarán nunha dinámica colectiva de cocreación para poñer en común as prioridades establecidas polos axentes dos sectores empresarial, educativo, do deseño e da administración
  • Estas actuacións serán o xerme do mapa de axentes do deseño empresarial e da posterior configuración dunha rede que fomentará proxectos conxuntos

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), inicia a próxima semana unha rolda de reunións de traballo cos axentes do ecosistema de deseño para identificar as súas necesidades estratéxicas e implicalos desde o principio no desenvolvemento do Programa de Deseño para a Innovación 2020, integrado no Plan Galicia Innova 2020.

As primeiras sesións terán lugar entre o 17 e o 18 de xullo con 22 entidades do eido do deseño e do sector empresarial, representado polos clústeres. As reunións prolongaranse ata o mes de outubro para completar os contactos cos axentes que representan os sectores educativo e da administración. Cando estas finalicen, organizarase unha dinámica baseada na cocreación –con base na metodoloxía Design Thinking– na que participarán todos os axentes para poñer en común as prioridades identificadas e trasladalas ao programa.
A finalidade é garantir que as actuacións definidas contribúan a resolver retos dos sectores estratéxicos galegos mediante a aplicación do deseño para dinamizar a innovación empresarial.

Esta iniciativa axudará a construír o Mapa de axentes do deseño empresarial, que será o xerme da Rede de axentes, coa que GAIN busca promover proxectos conxuntos entre os profesionais do deseño, o tecido empresarial, o ámbito educativo e os departamentos da Xunta implicados na implantación do deseño.

Participarán nas reunións da semana que vén a Asociación Galega de Deseño (DAG), os colexios oficiais de arquitectos, deseñadores e decoradores de interiores de Galicia (COAG e CODDIG), as fundacións Sargadelos e DIDAC, o Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DARDO), o Centro Expositivo Sirvent, o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) e Galicia Maker Faire, entre outros.

O tecido empresarial estará representado polos clústeres da Madeira e do Deseño (CMD), as Ciencias da Vida (BIOGA), o Granito, a Pizarra, a Automoción (CEAGA), a Acuicultura (CETGA), as TIC, o Audiovisual (CLAG), o Naval (ACLUNAGA), a Alimentación (CLUSAGA), o Turismo, a Comunicación Gráfica, o Téxtil (COINTEGA) e a Saúde (CSG).

En setembro iniciaranse os contactos cos axentes do sector educativo das ramas do deseño industrial, a arquitectura, as belas artes, a moda, as artes aplicadas, a publicidade e a comunicación. Ademais, completarase a rolda de reunións co sector empresarial a través das aceleradoras de startups da Rede de Aceleradoras da Xunta, os centros tecnolóxicos e empresas tractoras en materia de deseño, entre outros.

Finalmente, na última reunión das sete previstas, entes dependentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria como GAIN, Igape, Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Fundación Artesanía de Galicia e Galicia Calidade, analizarán as aportacións achegadas polos axentes do ecosistema do deseño que participaron nas conversas previas.

Entre os temas a valorar polos axentes atópanse as accións de difusión e divulgación e os eventos a organizar para fomentar o deseño no ámbito empresarial, así como as axudas a habilitar para reforzar a implantación desta ferramenta na estratexia das pemes galegas. Tamén se explorará a identificación de casos de éxito que poidan servir como referencia e de entidades que inicialmente non se teñan considerado para ser incorporadas ao mapa e a rede de axentes.