Estudantes de Secundaria mergúllanse na realidade virtual e aumentada da man do CIS Galicia

2018-06-04
  • O centro amosará as aplicacións desenvoltas no ámbito da realidade virtual e aumentada a un grupo de corenta estudantes do CPI da Xunqueira de Fene
  • A visita inscríbese na estratexia da Axencia Galega de Innovación de fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade e no interese do centro escolar por achegar as novas tecnoloxías ao seu alumnado

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2018.- O Centro de Innovación e Servizos de Galicia, CIS Galicia, dependente da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria recibirá mañá, martes 5 de xuño, a visita de 40 alumnos de 1º de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) do CPI A Xunqueira de Fene.

A visita está encadrada no interese deste centro en coñecer directamente os servizos de innovación que ofrece o CIS Galicia, en concreto no ámbito da realidade virtual e aumentada. Os alumnos e os docentes que os acompañan presenciarán unha demostración práctica de diferentes aplicacións destas tecnoloxías e a súa visualización en distintos dispositivos. Algúns dos exemplos que lles amosarán son a aplicación da realidade aumentada ao mantemento de equipos industriais nun quirófano ou para probar complementos de moda. Pola súa banda, a través de cascos de realidade virtual accederán a un simulador de vernizado, a un botafumeiro virtual ou a un quirófano dos máis modernos de Galicia.

Ademais, visitarán a CAVE (Cova de Entorno Virtual Automático) inmersiva de realidade virtual do centro, na que asistirán a simulacións de fabricación de barcos nos asteleiros ou de produción de enerxía a partir das ondas. A CAVE, única das súas características en Galicia e unha das poucas en España, é un entorno de realidade virtual inmersiva que consiste nun cubo no que o usuario está no seu interior e son proxectadas en cada unha das paredes do cubo imaxes desde o exterior, de tal xeito que usando unhas gafas estereoscópicas sincronizadas coas proxeccións percibe as imaxes en 3D e mesmo contempla obxectos flotando dentro do cubo desde todos os ángulos.

O CPI A Xunqueira continúa con esta visita as súas actuacións en materia de innovación como a participación no proxecto Robot Dance do programa Erasmus+, que pretende achegar a robótica aos máis novos, a través da robótica na aula, fomentando desta forma a cultura STEM entre o seu alumnado. Pola súa banda, a Axencia Galega de Innovación cumpre tamén co seu obxectivo de espertar o interese da xente máis nova pola ciencia e a innovación co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade.