Conde salienta que Galicia será referente en ciberseguridade ao contar co primeiro centro específico de España

2018-05-23
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe á presentación do proxecto Tegra, que forma parte do programa de Unidades Mixtas de Investigación da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no que participan Telefónica e Gradiant co apoio da Xunta
  • Destaca que a ciberseguridade é un elemento habilitador da Industria 4.0 xa que a fai posible e segura e incidiu na súa importancia nun sector cada vez máis informatizado e conectado
  • Agradece a aposta polo talento galego e polo modelo de innovación aberta que se está a impulsar tanto co Plan Galicia Innova 2020 como coas Unidades Mixtas de Investigación, iniciativa que xa leva apoiado 30 proxectos coa mobilización de 94 millóns de euros

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela, á presentación do proxecto do primeiro centro de ciberseguridade de España, Tegra, enmarcado na Unidade Mixta de Investigación (UMI) que promoven Telefónica e Gradiant, coa colaboración da Xunta. No acto salientou que grazas a este centro específico, Galicia será referente en ciberseguridade.

Conde, que agradeceu esta aposta polo talento galego, sinalou que as últimas innovacións neste campo terán denominación de orixe galega a través do labor que Tegra realizará no desenvolvemento de produtos e servizos para mellorar este servizo nas empresas e incidiu en que a ciberseguridade é un elemento habilitador da Industria 4.0, xa que a fai posible e segura.

Neste sentido, lembrou que a industria está cada vez máis informatizada e conectada polo que a protección de datos é fundamental: “As empresas non só teñen que ter a visión de investir en Industria 4.0, senón tamén en ciberseguridade, porque se non poden gañar en competitvidade e produtividade e perdelo todo por falta de seguridade”, explicou e insistiu en que se converte nun elemento indispensable.

Esta UMI contará coa participación de 32 profesionais galegos e con dúas oficinas en Vigo e na Coruña. Cun investimento de 2,2 millóns de euros traballará, ata 2020, en tres liñas de investigación: análise de datos para a protección da información, sistemas de control avanzado para o acceso e protección e compartición segura de ficheiros.

Conde salientou esta aposta por Galicia e polo modelo de innovación aberta que a Comunidade está a impulsar co Plan Galicia Innova 2020 e co programa de Unidades Mixtas de Investigación, unha iniciativa que xa leva permitido apoiar 30 proxectos que están a mobilizar 94 millóns de euros e nos que participan 30 empresas, 13 centros tecnolóxicos e 450 profesionais.

Neste sentido, o sector TIC galego está atravesando un momento clave, dando emprego a 22.000 persoas, a maior cifra dos últimos 5 anos, con máis de 3.400 empresas.