O talento centrou a sexta edición do encontro do sector biotecnolóxico galego

2018-05-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, explicou as principais medidas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria á captación e retención de talento, un dos eixos principais do Plan Galicia Innova 2020
  • A Xunta xa leva investido preto do 50% dos fondos programados ata 2020 para actuacións na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde na clausura da sexta edición do Biospeed Dating, o encontro de networking do sector biotecnolóxico organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que reuniu en Santiago de Compostela a 70 representantes do ámbito bio, nesta ocasión arredor da temática do talento.

Argerey destacou o talento como un dos eixos centrais do novo Plan Galicia Innova 2020, que inclúe medidas encamiñadas a espertar vocacións cientifico-tecnolóxicas, promover a incorporación, atracción e retención de talento en Galicia e asegurar unha capacitación integral das persoas especializadas en tarefas de I+D+i.

Ademais das novas medidas, a directora de Gain subliñou outras liñas de apoio encamiñadas á captación e retención de talento ás que se lles dará continuidade. Trátase da terceira edición do programa Principia, que apoiará a contratación de 110 técnicos que desenvolvan actividades de I+D+i en empresas e centros de coñecemento galegos e que, nas dúas edicións anteriores, apoiou a contratación de máis de 300 mozas e mozos.

Tamén se convocará proximamente a segunda edición do programa Ignicia, orientado a impulsar o acceso ao mercado de proxectos de investigadores galegos que, deste xeito, xeren rendibilidade. Na edición anterior, apoiáronse 9 proxectos en varios sectores estratéxicos, especialmente o da biotecnoloxía, cun investimento de 3 millóns de euros.

Así mesmo, convocaranse en breve os contratos posdoutorais, que permitirán apoiar a contratación de 71 investigadores doutores nas universidades, organismos de investigación e outros centros de coñecemento en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Todas estas medidas enmárcanse na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía de Galicia 2016-2020 a través da que a Xunta está apoiando ás empresas do sector biotech co obxectivo de posicionar Galicia como un referente a nivel internacional. Nos dous primeiros anos de execución da Estratexia, Gain xa leva investido preto do 50% dos fondos previstos.

O último fito destacable no marco desta Estratexia é a próxima incubadora de alta tecnoloxía para o sector bio, Bioincubatech, que obtivo apoio da Fundación Incyde, a través de fondos Feder, e que contará co apoio de Gain. Liderada pola USC e coa colaboración de diferentes axentes, ten como obxectivo valorizar os resultados da investigación, mellorar a competitividade do sector da biotecnoloxía, e apoiar o crecemento e competitividade de startups, spinoffs, pemes ou EBT.

Por último, Argerey destacou algúns dos indicadores do Informe anual 2016 do sector biotecnolóxico en Galicia elaborado por Bioga. Entre eles, destaca que segue medrando o número de axentes activos no sector; que se incrementou a facturación un 10%; e o aumento do emprego tamén en preto dun 10%.